Eva Solla: «Temos por diante construir a alternativa aos recortes e só poderemos facelo en común»
Martiño Noriega: «O cambio politico construirase dende a diversidade, será a tres ou non será»
Compostela, 20 de xuño.- Galicia en Común-Anova Mareas ven de presentar este sábado a candidatura coa que aspira a conformar un novo Goberno de progreso e cambio para recuperar Galicia logo dunha década de deconstrución e destrución do PP, onde quedou patente que a Xunta de Núñez Feijóo está en perfecta sintonía con Pablo Casado e Isabel Ayuso.
Foi nun acto fermoso nun espazo aberto e senlleiro como a Alameda de Compostela, un lugar de todas. O candidato á Presidencia, Antón Gómez Reino, saudou a “honra e o privilexio” de encabezar o reto común dunha candidatura plural e rica coa “absoluta consciencia da responsabilidade histórica e da complexidade do momento que ven de superar e que ten por diante a sociedade galega”.
“Estamos preparados para cambiar e gobernar Galicia”, afirmou Gómez Reino. “Onte, o futuro expresidente, o señor Feijóo, deunos dúas razón mais para ese cambio: a primeira é que temos a certeza de que os sanitarios non se van deixar sobornar por cheques clientelares; e a segunda é que onte Feijóo quitou a mascara e demostrou que é o mesmo que Casado. Deunos a súa receta para saír da crise: a mesma que no 2008, subordinado os intereses dos galegos ás elites da holandesa e alemana”.
“Temos claro que Feijóo é un radical disfrazado de moderado, igual que Casado e Ayuso. Igual que Cristóbal Montoro e Rodrigo Rato, que rematou onde xa todos sabemos”, sinalou Gómez Reino. “O noso país precisa que se mobilice o voto progresista. Se imos votar, Feijóo perde. É o momento de traballar pola sanidade pública; é o momento de traballar pola educación pública, é o momento de construir un país mais xusto”, incidiu Gómez Reino.
Pola súa banda, Eva Solla, que encabeza a lista por Pontevedra, incidiu na relevancia dunha data como a de hoxe que se sitúa o inicio dunha “oportunidade de mudar o país avanzando ao futuro”. “Seremos parte do futuro Goberno de progreso dun país que enfronta as consecuencias da crise derivada da Covid19, pasando a páxina dunha Xunta que só criticou e esqueceu exercer as súas competencias. Un país sumido en recortes sociais e no que se perderon mais de 54.000 postos de traballo”.
“A alternativa a Feijóo so se constrúe no Común”, remarcou Solla.
Martiño Noriega, na súa intervención, facía fincapé na urxencia de impulsar o cambio político a partir do 12x. “Esta é unha candidatura que suma e multiplica, que se sabe necesaria para construír un goberno alternativo”, afirmou Noriega, desde o convencimento de que “imos necesitar un goberno que blinde a educación e Sanidade públicas e o Estado de benestar”.
“O cambio,-dixo- non se constrúe dende posicións de parte senón dende a diversidade. Será un Goberno a tres ou non será. Somos conscientes do momento historico que vivimos e do Estado de shock no que estamos e do qu ese quere aproveitar Feijóo”. “Temos que mandar unha mensaxe a ciudadanía de que se imos votar o cambio e posible”, concluíu Noriega.
No acto estiveron os candidatos por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, que realizará mañá a presentación provincial da súa candidatura na cidade das murallas, e David Bruzos, o cabeza de lista por Ourense, que terá o seu acto nos vindeiros días. Tamén o resto de candidatas e candidatos polas catro provincias galegas como Luca Chao, Iria Figueroa, Marcos Cal, Inés Cebreiro. Ao remate, todas as candidatas e candidatos da coalición percorreron a Feira do Libro da Alameda compostelá.
Aquí podes escoitar o audio da presentación e das intervencións de Gómez Reino, Eva Solla e Martiño Noriega.
E aquí podes ver o vídeo coa intervención.