Gómez Reino: “Feijóo está a arriscar a saúde de todas as galegas por puro interese electoral”

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas cree que o presidente da Xunta e o PPdeG “viven alleos ao sufrimento da poboación e perseveran nunha estratexia electoral que estiveron deseñando durante todo o confinamento”

A coalición reitera que usará todas as ferramentas do Estado de Dereito para garantir que os comicios non poñen en perigo a saúde pública

Compostela, 18 de maio.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, cualificou hoxe de “absoluta irresponsabilidade” a intención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de convocar eleccións ao Parlamento de Galicia no mes de xullo. “Feijóo está a arriscar a saúde de todas as galegas por puro interese electoral”, dixo.


“Ningún galego, ningunha galega está agora mesmo pensando en eleccións. Estamos centrados en coidarnos, no individual e no colectivo, en ver a familia e en retomar a actividade laboral para enfrontar esta fonda crise económica e social que está a derivar da Covid-19”, asegurou.


Para o voceiro da coalición, “Feijóo e o PP viven alleos ao sufrimento e ao sacrificio da cidadanía galega. Perseveran na súa ambición política e persoal”. “O presidente da Xunta quitou a máscara e a mascarilla, temos un presidente que nunca vai de cara e, unha vez mais, procura o escudo do Goberno vasco e se ampara nel para desenvolver unha estratexia electoral que foi tecendo día tras día durante o confinamento”.


Gómez Reino lamentou que Feijóo e o PP de Galicia leven os máis de dous meses de emerxencia sanitaria empregando os recursos da Administración galega para golpear a outras Administracións e para poñer as súas siglas por riba da saúde e das vidas da poboación.


Galicia en Común-Anova Mareas reitera que porá todas as medidas e ferramentas legais do Estado de Dereito para evitar que as eleccións se celebren se no existen todas as garantías sanitarias e democráticas.


“Agardamos que esta temeridade, esta inmensa irresponsabilidade histórica non teña consecuencias sobre a saúde pública dos cidadáns galegos e que as únicas consecuencias sexan as que Feijóo pague politicamente por acelerar unha eleccións para fuxir das eivas da súa xestión”, concluíu Gómez Reino.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E aquí está a ligazón a rolda de prensa deste luns 18.