“Gómez Reino: Feijóo non rematará a lexislatura en Galicia. O seu proxecto político pasa por Madrid”

O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, participaba hoxe no encontro de Nueva Economía Fórum

“Seremos parte do futuro Goberno de Galicia coa prioridade en revitalizar a industria, reverter as privatizacións no reforzo do público, crear emprego e dixitalizar o país”

“A Xunta, con plenas competencias en Industria, está deixando caer o 30% do PIB de Lugo e a mais de 500 familias. O Consello de Ministros porá hoxe sobre a mesa posibles solucións para Alcoa”

A Coruña, 26 de xuño.- O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, participaba esta mañá nun extenso coloquio informativo organizado por Nueva Economía Fórum, unha entidade de debate de referencia no Estado, no que expuxo polo miúdo o proxecto político da coalición; a folla de ruta para conformar un Goberno á altura da sociedade galega para respostar aos retos de futuro.

“É evidente que o señor Alberto Núñez Feijóo non vai a rematar esta lexislatura en Galicia. A ninguén se lles escapa que o seu proxecto político é estatal e pasa por Madrid”, manifestou Gómez Reino.

“Galicia ten unha clara maioría do bloque de esquerdas que se ven manifestando en todos os procesos electorais. Nas últimas dúas eleccións xerais e tamén nas europeas. Facemos un chamado a todo o electorado progresista a que se mobilice porque ¡é o momento!. Estamos a un paso, a poucos votos dun Goberno de cambio para dar paso a Galicia que ven”, reiterou o candidato, preguntado polas enquisas.

“Vimos dunha década moi complexa de recortes e privatizacións en Galicia que nos fixeron retroceder en crecemento e aumentar en desigualdade. Para enfrontar este desafío, -expuxo Gómez Reino- contamos cun programa minucioso con 492 medidas artelladas en torno a catro grandes eixos para poñer a economía ao servizo da sociedade, reforzar o público, recuperar dereitos e preservar o patrimonio ambiental”.

“Galicia precisa un novo rumbo e así o estamos a constatar nas distintas xuntanzas con todos os sectores do país. Estamos preparados para Gobernar. O noso compromiso e o noso contrato é coa sociedade galega”, afirmou o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas. “Será un Goberno de tres almas e unha cabeza para darlle un xiro completo as políticas de austeridade, privatizacións e precariedade que nos minguaron estes anos co PP e para levar a Galicia adiante, ao século XXI, que é o que nos demandan os galegos e as galegas” reflexionou Gómez Reino.

“A nosa prioridade é clara”, reiterou o portavoz, “crear emprego de calidade e reindustrializar o país exercendo as plenas competencias en materia de Industria que establece o artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia e que a Xunta de Feijóo ignorou absolutamente.

“A Xunta do PP de Feijóo non fixo nada en 10 anos e está deixando caer Alcoa San Cibrao, que representa o 30% do PIB da provincia de Lugo nunha comarca absolutamente fundamental como é A Mariña. Son cómplices da destrucción de mais de 500 empregos directos e moitos mais indirectos con dramáticas consecuencias para centos e centos de familias galegas”, afirmou Gómez Reino. Avanzou que Galicia en Común pediu un esforzo mais ao Ministerio de Industria. «Teño o convencemento de que hoxe levarán ao Consello de Ministros algunha medida para procurar solucións ás electrointensivas, para Alcoa, en Lugo, pero tamén na Coruña», dixo. 

Gómez Reino tamén referiu que o futuro Goberno da Xunta, con Galicia en Común, reforzará as relacións co Norte de Portugal no económico pero tamén no cultural, “aproveitando as simbiosis entre territorios limítrofes para xerar riqueza”, e onde Vigo debera ter un papel singular polo seu «dinamismo económico». Remarcou, tamén,  a aposta decidida “pola dixitalización do país” como un reto fundamental para garantir igualdade de oportunidades e abrir opcións de futuro na Galicia mais rural e baleirada.

“Galicia ten unha sociedade do século XXI que precisa dunha Xunta que non se inhiba e se dilúa na propaganda. Un goberno galego no que exerzamos plenamente as nosas competencias; que poña fin ás portas xiratorias, que pule pola investigación e o I+D+i, que defenda os nosos sectores primarios ante Madrid e Bruxelas, que desterre as prácticas corruptas e clientelares polas que está a ser condenado o Goberno galego do PP de Feijóo”, rematou.

“Se a xente vota, Feijóo perde. Seremos un Goberno dinámico, progresista e transformador. Un goberno de coalición, plural, que siga o exemplo do Estado e sitúe as persoas, a protección social e os coidados, no centro da acción política e lexislativa”, concluíu.

Aquí tes o audio da súa intervención.

aquí podes ver o vídeo.