Gómez Reino: “Feijóo non ten ningún plan para garantir os dereitos democráticos e a saúde nunhas eleccións que só responden á súa ambición”

“Feijóo citounos para un teatro televisado antes de meternos nunhas eleccións sen as mínimas garantías sanitarias e democráticas”, afirmou Gómez Reino

Galicia en Común-Anova Mareas lamenta que a Xunta e o PP depauperen as institucións galegas e se neguen a escoitar a opinión unánime da oposición nalgo tan fundamental como garantir a vida por riba das siglas

Compostela, 15 de maio.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, amosou hoxe o malestar da coalición pola pertinaz e irresponsable estratexia de Feijóo de convocar, no inmediato, unhas eleccións que porían en risco a saúde e as vidas dos galegas e galegas logo de dous meses de esforzo e loita contra a pandemia do Covid.

“O señor Feijóo convocounos onte para un teatro performativo de dúas horas e media no que, en absoluto, recollou a opinión unánime e a diagnose común das forzas da oposición deste país. É unha lástima que a Xunta do PP depaupere as institucións galegas antepoñendo as súas siglas e a estratexia do partido, as ambicións políticas por diante das nosas vidas”, afirmou Gómez Reino.

“É unha verdadeira mágoa que nos convoque para falar de eleccións e non para falar da necesaria reconstrución deste país golpeado, no sanitario, no económico e no social pola pandemia”, manifestou o portavoz da coalición esta mañá en rolda de prensa na que analizaba, polo miúdo, a xuntanza que tivo lugar onte a tarde en San Caetano.

“É unha lástima que nos cite para falar de eleccións e saimos da xuntanza como entramos; sen consenso, sen garantías, sen certezas, sen saber unha data hipotética e co convencemento de que a Xunta non ten un plan para garantir a saúde pública no proceso electoral como non o tivo para a desescalada na que estamos inmersos”.

Desde a nosa responsabilidade, desde Galicia en Común-Anova Mareas insistimos en denunciar que un proceso electoral en pleno proceso de desescalada, inmersos como estamos na loita contra a pandemia é absolutamente irresponsable.

“Entendemos, non só desde Galicia en Común, senón no conxunto de forzas da oposición, cunha posición unánime, que é unha absoluta irresponsabilidade convocar un proceso electoral onde non se pode garantir o normal exercicio do dereito ao voto nunhas condicións sanitarias que ofrezan total garantías ao conxunto da cidadanía galega”, reiterou Gómez Reino.

“Temos claro que o futuro deste país pasa por darlle un xiro de 180 graos as políticas de austeridade e poñer fin a dez anos moi duros de recorte ao público que, lamentablemente, evidenciaron que non estabamos suficientemente preparados para encarar unha crise como esta. A nosa man está tendida porque temos claro que o futuro de Galicia pasa por un goberno progresista e de coalición”, concluíu.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E aquí a rolda de prensa íntegra deste venres 15 de maio.