Gómez Reino: «Felipe VI demostrou que é pasado. A opacidade e os privilexios herdados non están á altura da sociedade que somos»

Para o portavoz de Galicia en Común «con este discurso semella que Felipe VI é o principal valedor dunha futura República. Non está á altura do posto que ostenta»

A Coruña, 25 de decembro de 2020.- O deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, valorou esta mañá o tradicional discurso de Noiteboa pronunciado polo xefe do Estado, Felipe VI. Para o portavoz, «Felipe VI perdeu unha oportunidade histórica para expresar que está disposto a afrontar a crise de lexitimidade na que está sumida a Xefatura do Estado».

«O discurso defínese máis polo non dito que polo dito, referíndose á crise sanitaria pero obviando os escándalos que afectan á institución que el representa», engadiu Gómez Reino, «o que amosa que non está á altura do posto que ostenta». O deputado de Unidas Podemos asegura que «Felipe VI demostrou que é pasado. A opacidade e os privilexios herdados non están á altura da sociedade que somos».

Gómez Reino lembrou que «dende que se soubo que o rei emérito ten contas en paraísos fiscais, que presuntamente usou tarxetas opacas tras abdicar ou que ten máis de 60 millóns de euros en Suiza, o que obtivemos por parte da xefatura de Estado foi silencio, silencio e novamente silencio». 

Para o portavoz de Galicia en Común, «con este discurso semella que Felipe VI é o principal valedor dunha futura República, ao non apartarse do feito por Juan Carlos e non impulsar a súa volta a España para ser investigado e que rinda contas ante a cidadanía» para engadir que «os seus clamororos silencios e a falta de valentía ponlle moi difícil as cousas aos seus partidarios e afonda na desafección de moita xente».

Galicia en Común denuncia ademais a doble vara de medir dun rei que pide un gran esforzo nacional mentres o emérito segue fuxido no seu retiro en Dubai, dun Xefe do Estado que reivindica a cohesión social como un elemento contraposto ao desenvolvemento económico para non dicir nin unha palabra sobre o que unha inmensa maioría da cidadanía quería escoitar.