Gómez Reino: «Ferrolterra precisa un plan de emprego e unha transición enerxética xusta que garanta traballo»

O deputado galego sinala que «a inacción da Xunta, con plenas competencias en industria no Estatuto de Autonomía, supuxo a perda de máis de 20.000 postos de traballo industrial nos últimos anos»

Antón Gómez Reino reuniuse o pasado xoves cos representantes de Siemens Gamesa en As Somozas e mañá reúnse cos Comités de Navantia en Fene e Ferrol. Ao tempo, rexistrou varias iniciativas para que Endesa transparente os estudos con biocombustibles en As Pontes

Madrid, 16 de febreiro de 2021.- Antón Gómez Reino defendeu esta mañá na Comisión de Industria a necesidade de que a comarca de Ferrol conte «cun plan de emprego e unha transición enerxética xusta que garanta o mantemento dos postos de traballo en As Pontes, tanto da térmica como das auxiliares e transportistas».

O deputado galego fixo referencia a unha «crise industrial en toda a comarca que non nos pilla por sorpresa» lembrando que a semana pasada se reuniu co Comité de Empresa de Siemens Gamesa As Somozas ou que mañá mesmo manterá outra xuntanza cos Comités de Navantia en Ferrol e Fene.

«A privatización de Endesa», indicou, «foi o primeiro paso para a desertización industrial da comarca. Os gobernos do PP en Madrid e na Xunta non traballaron para minimizar as consecuencias disto senón que non fixeron nada» e lembrou que «a inacción da Xunta de Galicia, con plenas competencias en materia industrial dadas polo Estatuto de Autonomía, supuxo a perda de máis de 20.000 postos de traballo industrial nos últimos anos».

Dende Unidas Podemos a clave pasa por lograr a descarbonización en As Pontes «pero cos traballadores dentro» e nese sentido Gómez Reino sinalou que «hai unhas semanas presentamos unha batería de preguntas para que Endesa deixase a un lado o oscurantismo e dese datos reais das probas con biocombustibles, que cremos poden ser a solución para a factoría pontesa».

Ademais, o Grupo Parlamentario apoiou a folga comarcal convocada por todas as centrais sindicais ante a desertización industrial da comarca o vindeiro 10 de marzo, no Día da Clase Obreira Galega.

Aquí podes escoitar o audio da intervención.

E aquí o vídeoa comparecencia de Gómez Reino na comisión no Congreso.