Gómez-Reino: «Galicia estará no Goberno»

Vídeo: https://bit.ly/2QpgvY3

Congreso, 4 de xaneiro de 2020. Antón Gómez-Reino defendeu este sábado no debate de investidura que se celebra no Congreso que Galicia estará no vindeiro Goberno, como xa avanzamos na campaña electoral.

«En campaña dixemos que o noso país, Galicia, tiña que estar no vindeiro Goberno do Estado. E Galicia vai estar», sinalou o deputado.

Gómez-Reino incidiu en que «Galicia está presente no programa de Goberno cando falamos da suba das pensións e do SMI, da derogación da reforma laboral e da LOMCE, ou a Lei Mordaza, de acabar do Copago e non permitir que pechen unidades de asistencia ao parto como as de Verín».

«Pero tamén cando falamos do compromiso xa firme para recuperar o Pazo de Meirás; o programa de retorno de persoas emigradas a Galicia; de mulleres e rural, co compromiso para activar o Lei de titularidade compartida; de loita contra os incendios; o saneamento das nosas rías galegas; do plan de desenvolvemento industrial e do estatuto electrointensivo, para Alcoa ou Ferroatlántica, entre outras», sinalou.

Destacou tamén que falamos dun Goberno máis comprometido con Galicia, «cando falamos do compromiso que conseguimos para a ratificación do convenio 188 da OIT que vai mellorar a vida de máis de 11.00 galegos que viven do mar».

O voceiro de Galicia en Común resaltou neste pleno o ilusionante desafío histórico, pero tamén a ofensiva bárbara da dereita, e fixo un chamado á calma, mesura pero tamén á mobilización cívica para defender a democracia.

«O Goberno de coalición que imos iniciar no Estado é o Goberno que a partir deste outono vai Gobernar tamén en Galicia», concluiu o deputado.