Gómez Reino: “Galicia non se parece nada ás políticas de recortes, privatizacións e corrupción da Xunta de Feijóo”

«Aínda que agoche as siglas do PP, Feijóo representa o mesmo que Pablo Casado e Ayuso»

Galicia en Común percorrerá preto de 25.000 km para “conquistar a confianza da cidadanía” e transformar o país a partir do 12 de xullo

Compostela, 22 de xuño de 2020.- O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, acompañado da número 2 pola provincia da Coruña, Luca Chao e do número 1 por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentaron as caravanas electorais que percorrerán o país durante as vindeiras tres semanas.

Galicia en Común-Anova Mareas estará en cada pobo, vila e recuncho de Galicia tratando de conquistar a confianza da veciñanza, percorrendo preto de 25.000km ata o 10 de xullo. Antón Gómez Reino sinalou que a partir do 13 de xullo “vai haber cambio político no país porque Galicia é a clave para consolidar o ciclo de goberno progresista no Estado”.

Nesa liña engadiu que “as dúas caravanas electorais chegarán a cada barrio de Galicia para trasladar a proposta política de Galicia en Común e para convencer á xente progresista de que o cambio é posible e é necesario”.

O candidato explicou ademais que esta será “unha campaña pensada na cidadanía galega e por iso estarei cada noite conectado con referentes da política estatal e internacional cunha conexión en aberto na que calquera persona poida preguntar e participar”.

O voceiro da formación foi moi crítico coa apropiación feita onte por Feijóo que “teima en ocultar as siglas do PP ao mesmo tempo que asegura que el é Galicia” para engadir que “hai moita xente en Galicia que en absoluto se recoñece nos recortes, privatizacións e corrupción do Partido Popular senón que hai unha Galicia viva e de futuro que confía na defensa do público”.

Luca Chao chamou tamén á mobilización do voto progresista. A número dous pola Coruña dirixiuse á xente moza, menor de 30 anos que “tan só viviron 4 anos fóra dun goberno do Partido Popular. Se eles e elas confían en nós o vindeiro 12 de xullo poderemos construír un futuro en común que aposte pola ciencia e a xustiza social”. Nesa liña puxo como exemplo o traballo que se está a facer no goberno do Estado “da man de compañeiras como Yolanda Díaz, que demostra que unha saída distinta á crise é posible”.

Finalmente, Miguel Anxo Fernán Vello amosouse convencido de que “a partir do 13 de xullo haberá cambio político en Galicia e poidamos levar a cabo o noso programa social, económico e de reconstrución tan necesario para mellorar a vida das persoas menos favorecidas”. O cabeza de lista por Lugo asegurou “saír con moita forza e potencia persoal e colectiva” e pronosticou que “cada día que pasa Feijóo é máis pasado para Galicia”.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E aquí está o vídeo coas declaracións.