Gómez Reino: “Galicia precisa dun Goberno ecolóxico que acometa unha profunda transición económica na industria, na agricultura, na enerxía e no transporte”

O candidato de Galicia En Común  á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, subliña a necesidade de asegurar que a reactivación socioeconómica do país se deseñe e execute tomando como referencia a sustentabilidade ambiental e a protección dos recursos naturais

A Coruña, 5 de xuño.- O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia En Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, subliñou hoxe a necesidade de asegurar que a reactivación socioeconómica de Galicia se deseñe e execute tomando como referencia a sustentabilidade ambiental e a protección dos recursos naturais.

“Ata o de agora tivemos un Goberno que deixou completamente de lado a protección do medio ambiente en toda a súa acción política. Necesitamos reconstruír a economía deste país para garantir o benestar e a saúde das persoas, pero non poderemos logralo se seguimos deseñando as mesmas políticas negacionistas.

A reconstrución do noso sistema produtivo necesita dun Goberno ecolóxico que acometa unha profunda transición económica na industria, na agricultura, na enerxía e no transporte”, dixo.

Gómez Reino lembrou que a xestión ambiental desenvolvida en Galicia nos últimos decenios tivo como consecuencia o aumento da vulnerabilidade do país fronte ao cambio climático; o colapso do sistema de xestión de residuos; a crecente virulencia e intensidade dos incendios forestais; a contaminación sistemática dos ecosistemas acuáticos; unha desproporcionada emisión de gases de efecto invernadoiro e unha aposta institucional irresponsable e desmedida por proxectos altamente contaminantes como a minería a ceo aberto.

“A emerxencia sanitaria abocounos a unha grave crise fronte á que precisamos medidas urxentes. Pero non sairemos dela se esas medidas non se adoptan asumindo previamente a riqueza e o valor dos nosos recursos naturais”, precisou o portavoz da coalición.

“A partir do 12 de xullo, Galicia vai contar con ese Goberno ecolóxico, que poñerá en marcha un plan de reconstrución que priorizará accións transversais para promover unha verdadeira transición ecolóxica; con estratexias urxentes para frear a perda de biodiversidade: actuando fronte á emerxencia climática; garantindo o uso sustentable dous recursos hídricos e o dereito humano á auga; impulsando un modelo produtivo baseado na redución do consumo de recursos materiais; apostando pola agroecoloxía e a soberanía alimentaria e deseñando unha xestión forestal sostible e con futuro”, concluíu.

Aquí podes escoitar a Gómez Reino falar da reconstrución verde.

E aquí está o vídeo coa súa intervención no Día Mundial do Medio Ambiente.