O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas advirte da intención do PP de converter as eleccións galegas “nunha porta aberta á entrada de Abascal no Goberno da Xunta”
A Coruña, 23 de maio do 2020.- O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, alertou hoxe contra a crecente mobilización da ultradereita en todo o Estado e chamou á cidadanía a impedir que as eleccións galegas convocadas por Feijóo para o próximo 12 de xullo “acaben sendo un porta aberta á entrada de Abascal no Goberno da Xunta”. “Galicia precisa un Goberno progresista, de país e transformador que evite un Goberno de Feijóo e Vox”, indicou.
“Non nos enganemos. A partir do 12 de xullo haberá en Galicia un Goberno de coalición. De nós depende que sexa un Goberno de coalición entre as forzas de progreso que representan ás maiorías sociais deste país, ou un Goberno débil asentado sobre a irresponsabilidade e a incapacidade de Feijóo e sobre o fanatismo da ultradereita española ”, advertiu.
O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas insistiu en que a estratexia do Partido Popular para desgastar ao Goberno do Estado “pasa por consolidar a Vox e por converter a Feijóo nun peón de Santiago Abascal, como xa sucedeu con Ayuso na Comunidad de Madrid e con Moreno en Andalucía”. “Non consentiremos que Feijóo e Casado utilicen a Galicia para seguir cimentando o ascenso da ultradereita”, dixo.
Gómez Reino subliñou que a reconstrución social e económica que debe emprender Galicia tras a emerxencia sanitaria provocada pola epidemia de Covid-19 “é incompatible co proxecto político baseado no odio e na destrución do público” que representan tanto Vox e Abascal como o Partido Popular de Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo.
“Máis que nunca, precisamos un Goberno progresista con capacidade para acordar cunha ampla maioría de forzas políticas e sociais o proxecto político que necesita Galicia para reconstruírse e avanzar no futuro sobre o compromiso co benestar de toda a cidadanía”, concluíu
Neste enlace podes escoitar as declaracións de Gómez Reino e aquí o vídeo