Gómez Reino: «Hoxe é hora de salvar vidas. Mañá será o momento de cambiar o modelo de residencias de maiores privatizadas polo PP”

“Cando todo isto termine, teremos que desmontar este sistema e construír un modelo asistencial que blinde a saúde e o benestar dos nosos maiores desde a xestión pública”, asegura o portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas

Martiño Noriega reclama ao alcalde de Santiago que esixa a Feijóo que interveña as dúas residencias de Domusvi en Compostela

Compostela, 11 de abril de 2020.-O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, insistiu hoxe na necesidade de que a Xunta interveña e medicalice de inmediato todas as residencias de maiores de Galicia, e avogou por unha completa reformulación do sistema asistencial deseñado pola Xunta cando conclúa a emerxencia sanitaria provocada pola epidemia de Covid-19.

“Hoxe é hora de salvar vidas. Pero mañá será ou momento de acabar  co modelo de recortes e  privatizacións nos programas de asistencia ás persoas da terceira idade en Galicia”, dixo.

Gómez Reino lembrou que ese modelo, que comezou a implantarse no ano 2009 coa chegada de Feijóo ao Goberno da Xunta, “permitiu que un puñado de empresas privadas fixeran e sigan a facer negocio co diñeiro público a conta do benestar dos nosos maiores”. 

“Ese modelo xa era nefasto en circunstancias normais, pero agora demostrouse que supón un perigo certo para a vida e a saúde dos usuarios das residencias e do persoal que as atende”, indicou.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas subliñou que a Xunta coñecía desde hai anos as deficiencias que padecen as residencias das empresas  DomusVi –con 29 centros repartidos en 23 municipios galegos- e a Fundación San Rosendo –que xestiona en Galicia 45 residencias e 12 apartamentos tutelados para maiores-, sen que fixese nada por resolver nin as graves carencias de medios materiais e humanos nin os reiterados incumprimentos das condicións contractuais de xestión.

Así o recollía o Informe de Fiscalización  do Gasto en Atención Residencial a Persoas  Maiores e  Dependentes elaborado polo  Consello de Contas e aprobado en maio o 2018, e así o puxeron de manifesto entidades como  REDE, a Federación  Galega de Usuarios e Familiares de Residencias e Dependencia, e familias e particulares que mesmo chegaron a denunciar na Fiscalía o “trato inhumano” que dispensan esas empresas aos anciáns confinados nalgunhas das súas residencias.

“O importante agora é asegurar a vida e a saúde de usuarios e traballadores intervindo as residencias e dotándoas dos medios que precisan. Pero cando todo isto termine, teremos que desmontar este sistema e construír un modelo asistencial que blinde a saúde e o benestar dos nosos maiores desde a xestión pública. Quen puxo en marcha os recortes e as privatizacións terán que render contas da súa actuación, e Feijóo non pode eludir a súa responsabilidade”, concluíu.

Pola súa parte, Martiño Noriega reclamoulle hoxe ao PSdG e ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, «que lle esixan oficialmente a Feijóo que interveña as dúas residencias de maiores que a empresa DomusVi xestiona na capital de Galicia”. Para Noriega, “non se pode seguir calado, mentres as traballadoras e as familias denuncian a falta de medios e as condicións nas que se atopan as persoas residentes». Interpelando directamente para que «non sexan cómplices de Feijóo porque non hai que confundir a lealdade coa submisión» e aínda menos cando «o número de afectados pola Covid-19 non deixa de medrar nestas residencias».

Noriega concluíu tamén resaltando que haberá que buscar os motivos para a demora e reticencias de Feijóo na medicalización e intervención destas residencias DomusVi, manifestando que «non queremos pensar, a pesar das hemerotecas, que tras a decisión de non intervir pode haber algún condicionante pola relación que a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, mantén con altos cargos do PPdG e do goberno galego”. “Non queremos pensar que este tipo de condicionantes poidan opacar unha decisión necesaria, urxente e de saúde pública».

Aquí podes descargar o audio de Gómez Reino.