Galicia en Común-Anova Mareas presenta un Plan de Recuperación para poñer toda a capacidade investidora da Xunta ao servizo da economía, da igualdade, da saúde e do benestar das galegas
“Seremos parte da alternativa de cambio en Galicia que pasa pola unidade da esquerda”
Compostela, 17 de xuño de 2020.- Galicia en Común-Anova Mareas ofreceu esta mañá un almorzo informativo cos medios de comunicación para presentar ao país as bases do Plan de Recuperación de Galicia, un documento amplo e minucioso no que a formación deseña unha “folla de ruta para poñer ao país no século XXI” e que se implementará a partir do 12 de xullo.
O candidato da coalición á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, manifestou que desde Galicia en Común-Anova Mareas “imos reconstruír Galicia poñendo toda a capacidade investidora da Xunta ao servizo da economía, da igualdade, da saúde e do benestar das galegas”. “Seremos parte da alternativa de cambio en Galicia que pasa pola unidade da esquerda”, afirmou.
“Este documento é o froito do inxente traballo de tantas e tantos nestes últimos e difíciles meses”, destacou o portavoz. “Mentres outras forzas se dedicaron a non gobernar ou a desgobernar, como o PP do señor Feijóo, ou mesmo a non ser construtivos, nós estivemos a traballar para situar a Galicia no século XXI despois deste decenio negro”, sinalou Gómez Reino, quen avanzou a intención da coalición de facer chegar este documento con mais de 100 medidas a todas as forzas progresistas do país, á pequena e mediana empresa e tamén á sociedade civil”.
“O obxecto deste documento é tratar de que, entre todos e todas, sentemos as bases dun país alternativo”,
O plan artellase en catro grandes bloques e contempla máis dun centenar de medidas específicas destinadas a combater a crise derivada da emerxencia sanitaria, a promover a recuperación económica e a loitar contra a pobreza co emprego: creación e defensa do mesmo, como prioridade absoluta.
Un segundo bloque estaría centrado no reforzo dos servizos públicos, especialmente en materia de sanidade, educación e coidados; no terceiro punto, o foco ponse en recuperar e ampliar os dereitos cidadáns e por último, o cuarto pasa por conformar un modelo económico social, ecolóxico que protexa os recursos naturais e enfronte os efectos do cambio climático.
A presentación tiña lugar esta mañá durante un almorzo informativo no que tamén participaron os candidatos Eva Solla, Luca Chao, Marcos Cal e Iria Figueroa.
Eva Solla centrouse no reforzo dos servizos públicos como elemento esencial con medidas no concreto para reverter os 10 anos de desmontaxe do decenio “Temos claro que a situación das residencias foi absolutamente dramática e que hai un problema de modelo. Traballaremos decididamente para incrementar as prazas publicas nos centros de dia e de maiores coa vontade de que as prazas agora privadas ou concertadas se vaian transformando en prazas públicas e dotándoas de persoal”, dixo a cabeza de lista por Pontevedra.
Chao fixo fincapé na creación de emprego digno e de calidade como base e sostén da economía social. “Apostamos por un modelo económico que apoie decididamente ás empresas, aos autónomos e aos emprendedores, pero que sexa compatible coa loita efectiva contra a pobreza e cos dereitos sociais básicos da cidadanía, como o emprego, a vivenda, a igualdade de sexos e o acceso a servizos públicos universais e de calidade”, manifestou a candidata pola Coruña.
Iria Figueroa salientou a urxencia de recuperar e avanzar nos dereitos sociais logo de “sufrir 10 anos de Goberno do PP” con mais retrocesos que avances mentres que Marcos Cal pechou o cuarto bloque poñendo o foco na necesidade “fundamental” de apostar por políticas verdes cun modelo social, económico e ecolóxico fronte a emerxencia climática como eixo de futuro sostible. “Cómpre apostar pola dixitalización de Galicia e universalizar o acceso a internet como un paso necesario para permitir o teletraballo e incentivo para atraer a mocidade a ocupar o territorio da Galicia baleirada”.
“O obxecto deste documento é tratar de que, entre todos e todas, sentemos as bases dun país alternativo”, concluíu Gómez Reino.
Nesta ligazón podedes consultar o noso documento: Construírmos o futuro. Plan de Recuperación do país.
E aquí tedes o audio íntegro do almorzo informativo de presentación.