O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas adicará a mañá do luns a afinar a súa intervención no debate na CRTVG e lamenta que só haxa un cara a cara nos medios públicos
“Feijóo está incapacitado para seguir á fronte da Xunta. A persoa que executou a destrución do público non pode recuperar o país»
A Coruña, 29 de xuño.- O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, adicará a mañá deste luns a afinar a súa intervención no debate electoral das 21:30 horas na CRTVG e lamenta que só haxa un cara a cara entre as candidatas nos medios públicos galegos nun formato que non foi decicido polo profesionais, senon pautado pola dirección do ente.
Gómez Reino, que a primeira hora atendía aos compromisos da axenda mediática nunha entrevista en directo con RNE, adicará o resto da mañá deste luns 29 a afinar algunhas das mensaxes e propostas da coalición para recuperar o país e construír futuro que quere trasladar á sociedade galega a través da televisión galega no debate desta noite.
“Sabemos que é o momento. Que a oportunidade é agora, porque estamos moi preto”, reflexionaba Gómez Reino, portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas.
“Temos claro, e así o indican os datos en todos os procesos electorais, que en Galicia hai unha maioría progresista de esquerdas e que só faltan nos uns poucos miles de votos para acadar unha maioría progresista que poña ás institucións públicas ao servizo da xente con un Goberno de futuro para unha Galicia do século XXI que revirta o decenio negro de Feijóo: once anos que se resumen en privatizacións, recortes e golpe ao público, ao común que é o de todas para privilixear a uns poucos”, dixo o candidato.
“Hoxe toca desenmascarar a Feijóo. É un especialista da camuflaxe política, capaz de disfrazar de moderadas as políticas mais duras na liña neoliberais e poñendo a Xunta e todas as institucións e organismo públicos ao servizo das siglas do PP como unha inmensa maquinaria de propaganda”, manifestou Gómez Reino.
“O proxecto de Feijóo está acabado, finito e temos claro que non rematará a lexislatura en Galicia. A mesma persoa que foi o executor da destrución do público: na sanidade, no ensino, na privatización das residencias de maiores e dos coidados, está incapacitado moral e políticamente para conducir a reconstrución do país. Toca avanzar, xunto ao PSdeG e o BNG, nunha proposta conxunta para recuperar Galicia para as galegas”.
Antes de acudir ao debate, Gómez Reino, procurará atopar un anaquiño para botar unha carreira e dar un chapuzón, como adoita facer verán e inverno, cando a axenda política llo permite e nadar uns metros na baía da Coruña. “Axuda a ordenar a cabeza”, ri.