Gómez Reino: “Imos facer todo o posible para que a explotación da mina de Penouta deixe de contaminar Pena Trevinca”

Unidas Podemos rexistrou no Congreso dos Deputados unha batería de preguntas sobre a concesión de explotación da sección C da mina de Penouta á empresa Strategic Minerals Spain por parte da Xunta de Galicia. 

A formación rexeitou esta resolución do Goberno galego que permite a actividade nunha nova sección da antiga mina que xa suma varios expedientes sancionadores por verteduras de augas contaminadas. O deputado Antón Gómez Reino, alude á “neglixencia” da Xunta por “facilitar a degradación ambiental do noso país sen ningún tipo de reparo”. 

“A Xunta volve tender a man á empresa que foi sancionada polo derrame de metais pesados ao dominio público hidráulico desde as instalacións desta mina. Isto só evidencia unha cousa: o desinterese absoluto do PPdeG por coidar o medioambiente en Galicia e o interés por amigarse con empresas que destrúen os ecosistemas para gañar cartos”. 

A formación defende que a actividade nesta sección da mina aumentaría coa xa presente contaminación debido ás verteduras directas de metais pesados sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000, como a contorna de Pena Trevinca. Por iso, dirixiuse con esta iniciativa parlamentaria ao Ministerio de Transición Ecolóxica para “obrigar”, no marco das súas competencias, á Xunta de Galicia a garantir que non existan afeccións nestes espazos protexidos.

“Non entendemos como a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, que impuxo sancións á empresa que explota Penouta, emitiu un informe favorable para seguir explotando a mina”, continúa Gómez Reino, que tamén puxo en valor o traballo das asociacións e plataformas ecoloxistas que loitan para defender o coidado da paisaxe. “A mala praxe dos proxectos mineiros en Galicia están a arrasar co territorio e coa calidade de vida de moita das súas xentes. É indispensable unha reforma da Lei de Minas para que precisamente, eses terreos que pertencen á Rede Natura 2000 queden excluídos da explotación mineira e o noso medio quede amparado por unha lexislación ambiental forte ante gobernos e empresas irresponsables”.