«Hai máis de dez anos que non se transfiren novas compentencias a Galicia. O traspaso da Ap-9 é unha demanda histórica e urxe poñer fin ao abuso nas peaxes nunha arteria clave na vertebración económica e social do país»
O deputado de Unidas Podemos- En Comú Podem- Galicia en Común rexistrou unha PNL para reactivar unha comisión creada no 1987 que ten pendentes os traspasos de Salvamento Marítimo e tráfico
Madrid, 19 de outubro.- O deputado e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, rexistrou unha Proposición non de Lei no Congreso para uxir a activación da Comisión Bilateral de Cooperación entre a Xunta e o Goberno do Estado que aborde as negociacións para facer efectiva a transferencia de competencias e asuntos pendentes como o traspaso da Autopista do Atlántico (AP-9).
“Hai máis de dez anos que o Goberno central non transfire a Galicia ningunha nova competencia dando as costas ás demandas históricas da sociedade galega como son a transferencia pendente da AP-9, e outras en Salvamento Marítimo, tráfico e na xestión de estradas e viarios”, sinalou Gómez Reino,
A PNL, rexistrada polo portavoz de Galicia en Común na Cámara Baixa, insta ao Goberno do central a que propoña á Xunta a activación da Comisión Bilateral de Cooperación entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, creada en 1987, a fin de poñer en marcha “o foro institucional disposto para o intercambio de información e o establecemento de negociacións e acordos que respondan ás necesidades da cidadanía galega, ás peticións e propostas formuladas polo Parlamento de Galicia e ao cumprimento efectivo do Estatuto de Galicia”.
“Este é o foro para avanzar na cooperación institucional de xeito permanente sobre un plan traballo que faga efectiva a transferencia de competencias de asuntos pendentes así como a todos os asuntos da axenda pública galega e que a cidadanía nos ven demandando”, subliñou Gómez Reino.
O deputado de Unidas Podemos-Galicia en Común entende como “absolutamente necesaria” a convocatoria desta Comisión para fixar un plan de traballo entre ambas Administracións que fixen prioridades e recollan as demandas da sociedade galega, entre elas a transferencia da autoestrada AP-9, a principal arteria das comunicacións viarias do país e clave na vertebración económica e social.
“Unha demanda histórica da sociedade galega, que leva anos denunciando as elevadas peaxes e reclamando a súa titularidade pública”, rematou Gómez Reino.
Nesta ligazón podedes consultar a PNL: https://i.gal/ee5Wn