“Ao presidente da Xunta non lle interesa o profesorado nin cubrir as prazas necesarias, senón usar esta convocatoria, de novo, con intereses electoralistas”
A Plataforma “Opos 2021 Xustas para Todxs” insiste en que as necesidades nas aulas do vindeiro curso serán maiores e a OPE debería adaptarse a esa nova realidade
Compostela, 5 de xuño de 2020.- O candidato á presidencia da Xunta por Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino; a cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla e a número dous pola Coruña, Luca Chao, reuníronse hoxe co colectivo “Opos 2021 Xustas para Todxs”, que lamentan que Galicia sexa a única comunidade autónoma do Estado que abriu o prazo de inscrición das oposicións de profesorado a un ano de que estas se produzan, rematando o prazo de inscrición o próximo 19 de xuño.
A apertura do prazo o pasado 1 de xuño impide que as persoas que rematan a súa formación este ano poidan inscribirse ás oposicións do vindeiro 2021, a diferencia doutros territorios do Estado onde a convocatoria aínda non está aberta. Gómez Reino insta a Feijóo a que “deixe de usar a convocatoria de oposicións de profesorado, de novo e como fixo durante o Estado de Alarma, unicamente con fins electoralistas”.
Dende a coalición laméntase que a Xunta non tivese en consideración ningunha das alternativas que os sindicatos propuxeron na última Mesa Sectorial. Galicia en Común-Anova Mareas urxe a Feijóo a que escoite aos opositores e acumule as prazas de profesorado do 2020 e o 2021 xa que só así se poderían cubrir as 1.000 xubilacións previstas para o vindeiro ano.
Ademais as necesidades do próximo curso, para o que se prevé unha docencia online e presencial, fan que sexa máis necesario que nunca reforzar os recursos humanos. Por iso dende a Plataforma piden que a Oferta Pública de Emprego se adapte á nova realidade docente, con máis prazas de profesorado.