Gómez Reino insta ao Goberno a abrir un novo proceso xudicial para reclamar o mobiliario de Meirás

“Non imos permitir que os Franco se burlen da sociedade galega logo de espoliar o patrimonio de todas”

Madrid, 22 de abril de 2021. Unidas Podemos vén de rexistrar hoxe unha iniciativa parlamentar para instar ao Goberno a que presente un recurso contra a resolución da Audiencia Provincial de A Coruña que obriga ao Estado a devolver o mobiliario do Pazo de Meirás á familia Franco, ademais de indemnizalos.

«Non podemos permitir que os Franco, a familia dun ditator, asasino e ladrón, se queden cunha parte do patrimonio común que usurparon ao pobo de Sada e a todas as galegas», manifestou hoxe Antón Gómez Reino.

“Cónstanos que este Goberno de coalición non vai permitir que a familia do dictador se burle da sociedade galega”, engadiu o deputado galego.

O propio auto da Audiencia provincial deixa aberta a posibilidade de que a Avogacía do Estado reclame estes bens do patrimonio histórico e artístico nacional e por iso, o noso grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, insta ao Goberno a facelo para que todos os bens públicos espoliados polo ditador e a súa familia retornen a onde deben, a sociedad galega.

Do mesmo xeito, no escrito rexistrado hoxe no Congreso, instamos ao Estado a explorar a posibilidade de solicitar novas medidas cautelares para evitar que a familia Franco volva distraer os bens e dificultar a súa recuperación por parte do Estado.

Esta iniciativa parlamentar é unha máis das que vimos impulsando desde Galicia en Común, para reverter o espolio dos Franco a Galicia, como a que xa foi aprobada para abrir un proceso xudicial para que a Casa Cornide retorne á cidade da Coruña.