O deputado Antón Gómez-Reino, do Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia En Común, presentou unha iniciativa no Congreso para promover a instalación dun Centro de Arqueoloxía Subacuática no municipio coruñés de Laxe, na Costa da Morte.
Na súa iniciativa, Gómez-Reino fai referencia ao rico e abundante patrimonio somerxido fronte á Costa da Morte, froito dos moitos naufraxios nunha das rutas con maior tráfico naval de Europa.
Os restos destes naufraxios sofren a consecuente degradación da propia natureza e das alteracións debidas a actividade humana. Non obstante, non se emprendeu até momento ningunha actuación de envergadura para a súa recuperación.
O portavoz de Galicia en Común no Congreso resalta que en España existen tres centros de arqueoloxía subacuática en Cataluña, Comunidade Valenciana e Andalucía, pero en Galicia carécese dunha entidade que impulse estas actividades.
Por isto, Gómez-Reino preguntou ao Goberno se prevé a instalación dun centro deste tipo na nosa Comunidade e se se valorou a localización de Laxe, lugar no que se concentra o maior número de naufraxios na zona noroeste da Península. Na súa iniciativa, o deputado tamén pregunta polos requisitos para levar a cabo de maneira efectiva o desenvolvemento deste proxecto.