Gómez Reino insta ao Goberno a que inicie o proceso xudicial contra os Franco para recuperar a Casa Cornide

“A recuperación do Pazo de Meirás abriu o camiño para rematar con décadas de impunidade. É o momento de que outros bens expoliados, como a Casa Cornide, volvan a ser do pobo galego”

Madrid, 4 de novembro de 2020.- O deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino presentará unha serie de iniciativas no Congreso para instar ao goberno do Estado a que leve aos herdeiros do dictador Franco aos tribunais para recuperar a Casa Cornide da Coruña.

O edificio, ademais de atoparse no centro da cidade herculina, foi sede do Concello da Coruña durante o século XIX, transferíndose a súa propiedade en 1957 ao Ministerio de Educación, ata que na década dos sesenta se permutou por unha parcela propiedade do concello, co obxectivo de que fora sede dun Conservatorio de Música.

Na actualidade son os herdeiros do dictador quen teñen a posesión do inmoble, o cal puxeron á venda recentemente e “con mala fe”, segundo indicou Antón Gómez Reino, “coincidindo coa sentenza do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña pola que se obrigaba á familia Franco a devolver ao público o Pazo de Meirás”.

O deputado de Unidas Podemos pola Coruña lembrou que “hai diversos estudos que indican que a Casa Cornide pasou a mans de Franco tras unha complexa operación administrativa que tiña como único obxectivo que puidera facerse coa propiedade do inmoble sen acudir a súa adxudicación directa”.

Gómez Reino indicou ademais que “a recuperación do Pazo de Meirás abriu o
camiño para rematar con décadas de impunidade” e insistiu na necesidade de que o goberno do Estado, en colaboración con outras administracións como a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña demanden aos herdeiros do dictador.

“É o momento de que, seguindo o exemplo de Meirás, outros bens expoliados durante o franquismo como a Casa Cornide, volvan a ser do pobo galego”.

Finalmente, para o voceiro do grupo parlamentario “resulta tamén imprescindible que a Xunta de Galicia declare canto antes a Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC) para que a futura acción xudicial que esperemos que se produza veña acompañada dunha acción no seno da administración pública”.

Nesta ligazón podes escoitar o audio de Gómez Reino.