O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas reclama a Feijóo “transparencia e lealdade” co Goberno central e que facilite as cifras de ingresos diarios en UCI e as da incidencia da epidemia segregadas por municipios
A Coruña, 28 de abril do 2020.- O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “transparencia, cooperación e lealdade” co Goberno central á hora de facilitar datos sobre a incidencia do Covid-19 en Galicia.
“É un requisito fundamental para combater a expansión da epidemia que a Xunta colabore lealmente co resto de institucións, tanto dentro como fóra de Galicia, e que non obstaculice o traballo dos expertos”, dixo.
Gómez Reino lamentou que o Goberno galego sexa o único que non envía ao Ministerio de Sanidade en tempo real os datos sobre novos ingresos en unidades de coidados intensivos (UCI) de pacientes infectados por Covid-19, e que só remita os dos enfermos que permanecen en UCI. Tamén que Galicia sexa a única comunidade autónoma que non facilita as cifras sobre a incidencia da epidemia segregadas por municipios.
“Feijóo quéixase de que o Goberno non mantén informadas ás comunidades autónomas, pero iso é mentira porque en realidade sucede ao contrario: é a Xunta a que non proporciona aos expertos que dirixen a loita contra o virus a nivel estatal os datos que precisan para facer o seu traballo, datos que está obrigado a facilitarlles tal e como lle esixe a normativa derivada do decreto do estado de alarma”, advertiu Gómez Reino.
O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas reiterou que o presidente da Xunta “está a ocultar datos” sobre a incidencia da epidemia “que son fundamentais para que os expertos coñezan con exactitude a gravidade da situación e poidan enfrontar eficazmente a emerxencia sanitaria”.
Podes escoitar as declaracións de Gómez Reino neste enlace