O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Xunta advirte de que o que presentou o candidato do PP foi “unha nota de prensa destinada unicamente a buscar titulares, sen unha soa medida concreta para encarar a emerxencia socioeconómica”
A Coruña, 6 de xuño do 2020.- O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, advertiu hoxe de que o Plan de Reactivación Económica presentado onte por Alberto Núñez Feijóo “é un bluf, un basto engano electoral que non sacará a Galicia da crise” e no que as únicas inversións reais se sufragan cos fondos mobilizados polo Goberno do Estado.
Gómez Reino reiterou que o Goberno de progreso que quere impulsar a coalición que encabeza a partir do 12 de xullo si “poñerá en marcha un verdadeiro programa de investimentos para reactivar a economía e reconstruír o país”.
“Feijóo non ten un plan; senón unha nota de prensa destinada unicamente a buscar titulares, sen unha soa medida concreta para encarar a emerxencia socioeconómica á que nos enfrontamos”, dixo.
“Na actual situación, con miles de familias, traballadoras, empresas e autónomos reclamando accións políticas efectivas para poñer en marcha a economía deste país, dispostas a colaborar e a traballar duro para iniciar a súa reconstrución de maneira solidaria e comprometida, resulta unha burla e unha falta de vergoña que Feijóo siga usando o seu cargo para facer propaganda”, lamentou.
Gómez Reino lembrou que a Xunta non fixo público o documento que supostamente recolle o Plan de Reactivación, nin tampouco o informe do comité de expertos no que presuntamente se basea. “Onde están as medidas concretas de apoio aos sectores produtivos? Onde están os criterios de financiamento? Onde está o horizonte temporal dos investimentos? A quen quere enganar un presidente que se limita a non facer nada e que leva meses escudándose en que non coñece as competencias do Goberno que preside desde fai once anos?”.
Dos 3.043 millóns de euros anunciados por Feijóo para reactivar a economía galega, en realidade só 1.743 millóns corresponderían a fondos públicos. E desa cantidade, máis de 800 millóns obteríanse non de novas partidas, senón dunha reorientación de investimentos xa contemplados no orzamento da Xunta, algúns dos cales xa foron comprometidos e mesmo executados.
Así sucede, por exemplo, con case a metade dos 450 millóns de euros que Feijóo prometeu como novos investimentos no sistema de saúde, e que en realidade son gastos de persoal xa sufragados durante a emerxencia sanitaria da Covid-19.
As únicas inversións reais, lembrou Gómez Reino, son as financiadas con novos fondos sufragados polo Goberno do Estado. “Un presidente serio debería exercer todas as súas competencias e mobilizar recursos empregando toda a capacidade de autogoberno que lle outorga o marco legal, e non só empregar os recursos doutras administracións ás que, por certo, golpea e crítica por interese meramente partidista”.
“O Goberno de Feijóo está caducado e o seu proxecto para Galicia consiste, sinxelamente, en enganar á cidadanía. E o que necesitamos é un Goberno de progreso que conte cunha ampla base social para poñer en marcha un verdadeiro plan de reactivación socioeconómica, que mobilice todos os recursos da Administracion autonómica e do resto de administracións do Estado en favor da recuperación, e que expoña medidas efectivas, prazos concretos e compromisos de gasto reais”, concluíu.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.
E nesta ligazón tedes o vídeo.