Gómez Reino leva ao Congreso a situación de Electrorayma e pide carga de traballo para a auxiliar

“A comarca de Ferrol leva anos nun contexto de desmontaxe industrial ante a pasividade cómplice da Xunta de Galicia”

Galicia en Común rexistrou este xoves unha pregunta parlamentaria a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino para garantir o emprego en Electrorayma, unha empresa auxiliar de Navantia especializada en instalacións eléctricas e electrónicas no sector naval. 

Esta compañía denunciou a Navantia pola falta de pagamento de 4,7 millóns de euros correspondentes aos sobrecustos no marco dun contrato de construción dos dous duques de aprovisionamento en combate para a Armada de Australia, e segundo afirmou, Navantia só está disposta a pagar o 10% da cantidade reclamada. 

Ademais da falta de pagamento dos sobrecustos, por parte de Electrorayma denúnciase que do importe total do contrato, incluído un plan de aceleración solicitado por Navantia, que ascendía a 14.548.926,96 euros, Navantia só recoñece 12.771.147,10 euros, o que significa unha minoración do 12,2% sobre o pactado. A isto súmase que, por parte de Navantia, só se permitiu facturar a Electrorayma un total de 12.240.348,84 euros, restando por facturar un importe de 530.798,30 euros. 

Gómez Reino sinalou que estas débedas “aumentan a vulnerabilidade da compañía e polo tanto do resto de auxiliares. A solución pasa por asegurar suficiente carga de traballo que garanta futuro para a comarca de Ferrol, que leva anos nun contexto de desmontaxe industrial ante a pasividade cómplice da Xunta de Galicia”. 

A formación, que suma unha decenas de propostas parlamentarias no referente á industria naval de Ferrol, insta ao Ministerio a tomar medidas para que Navantia realice os pagos a Electrorayma, así como a tomar medidas para “consolidar e desenvolver a agrupación industrial empresarial e industrial que dá soporte a esta empresa pública”.

Gómez Reino insistiu en que “Os estaleiros públicos deben blindar os 300 postos de traballo que Electrorayma sustenta na actualidade e evitar a toda costa o peche, xa que supoñería un grave impacto na comarca de Ferrol. Temos que ser moi serias neste tema e garantir o futuro e a estabilidade para aquelas familias e empresas que viven do sector naval.”