- “A Xunta de Feijóo leva dende 2009 incumprindo a normativa europea, estatal e autonómica de protección do medio ambiente mentres lle ofrece a grandes multinacionais a explotación do noso medio natural”
- A semana pasada Unidas Podemos trasladou á Cámara Baixa a súa oposición ao megaproxecto eólico en Pena Trevinca
Madrid, 15 de febreiro de 2021.- O deputado de Unidas Podemos pola provincia da Coruña, Antón Gómez Reino, presentou hoxe dúas iniciativas parlamentarias nas que se denuncian os novos proxectos de parques eólicos que está tramitando a Xunta de Galicia para a provincia de Pontevedra e que suporían a instalación de 57 aeroxeradores na serra da Groba e O Galiñeiro.
“A política ambiental da Xunta do señor Feijóo leva sendo a mesma dende o ano 2009 e baséase en incumprir a normativa europea, estatal e autonómica de protección do medio ambiente mentres lle ofrece a grandes multinacionais a explotación do noso medio natural”, sinalou o deputado. Nese sentido, a semana pasada o Grupo Parlamentario trasladou á Cámara Baixa a súa oposición ao megaproxecto eólico en Pena Trevinca que suporía instalar 31 aeroxeradores máis en zonas de especial protección.
Unidas Podemos lembra que, ademais da gran contestación social que están a ter estes proxectos, as serras de O Galiñeiro e A Groba son espazos naturais de especial relevancia nunha zona cunha intensa actividade turística. A maiores dos servizos ambientais que prestan, acollen a unha importante comunidade de especies animais e vexetais, entre elas unha poboación de cabalos salvaxes ligados a unha actividade cultural única no mundo. Ademais prodúcese unha afectación importante aos nacementos de auga, dos que depende o abastecemento de moitas parroquias.
“No eido medioambiental non só vemos unha deixación de funcións por parte da Xunta senón un incumprimento flagrante das súas obrigas, desoíndo a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 feita pola Unión Europea en 2011 na que se solicitaba a declaración LIC da serra de Groba e o Monte da Valga”, indicou o deputado galego.
Por iso o Grupo Parlamentario quere saber se o Ministerio de Transición Ecolóxica tomará algunha medida para obrigar á administración galega a cumprir coa normativa ambiental, así como a súa valoración sobre a instalación de parques eólicos en lugares con contrastado valor ecolóxico.