Gómez Reino: ‘Liberar as patentes xa é un debate inaprazable no Estado e na UE’

‘É tempo de abordar cuestións que foron tabú: a intervención pública na economía, unha fiscalidade xusta, límites as multinacionais e a transición verde’

Madrid, 8 de maio.- O deputado Antón Gómez Reino apremia ao Estado a abordar a urxencia de liberar as patentes das vacinas como ferramentas imprescindibles para salvar vidas por riba dos intereses e ambicións económicas das multinacionais do sector farmaceútico.

“A cuestión das patentes ven de ser recoñecida esta semana como chave pola Administración Biden. É un debate inaprazable no marco europeo e que estamos convencidos que se ten que dar tamén no Goberno do Estado”, remarcou. ‘Liberar as patentes xa é un debate inaprazable no Estado e no marco da Unión Europea’, subliñou.

Foi no decurso da Comisión Mixta para a Unión Europea do Congreso na que o deputado galego defendía sen ambaxes nin demora a liberalización das patentes das vacinas. Foi unha iniciativa que o grupo confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, con Gómez Reino entre os asinantes, tiña rexistrada no mes de marzo e que se topou coa negativa das dereitas.

‘Hai cuestións que antes eran tabú pero que xa están na axenda pública por que son de sentido común: investimento público na economía, deixar atrás o austericidio, cambios normativos para que as multinacionais estean ao servizo da economía común e non ao contrario”, sinalaba Gómez Reino, quen puxe sobre a mesa a urxencia de abordar outro debate clave como a liberalización das patentes.

“A conferencia prevista sobre o futuro de Europa debe ir máis aló porque estamos nun momento de cambio de ciclo histórico. Hai que abordar reformas urxentes tanto politicas como institucionais que recollan as necesidades da cidadanía europea e o cambio de época”, reflexionou Gómez Reino.

“Cómpre poñer sobre a mesa a necesidade patente de democratizar máis as institucións e a gobernanza, blindar dereitos sociais, procurar un sistema fiscal máis xusto e equitativo, camiñar cara unha transición verde e xusta”, sinalou o noso deputado na súa intervención.

Por último, puxo o foco en abordar “outras cuestións fundamentais sobre a nosa posición no mundo apostando polo multilateralismo e o diálogo para facer da arquitectura institucional europea un proxecto máis apegado a xente e as súas necesidades e inquedanzas”.

Podes ver a intervención completa nesta ligazón: https://youtu.be/wBmatDAEmuk