- O deputado de Unidas Podemos trasladouse a Vilanova de Trevinca para realizar unha ruta de montaña e comprobar, de primeira man, onde se ten previsto instalar o ‘Parque Eólico Prada’ 170,5 MW
- Previamente, Gómez Reino reuniuse co club de montañismo ‘Montañas de Trevinca’, unha das entidades que máis se posicionaron en contra deste proxecto
A Veiga de Cascallá, 19 de marzo de 2021.- Antón Gómez Reino desprazouse a Vilanova de Trevinca, a última aldea da localidade valdeorrana da Veiga de Cascallá, para realizar unha ruta de montaña por Pena Trevinca e comprobar a riqueza ambiental, paisaxística e natural desa zona, onde a multinacional noruega Statkraft ten previsto instalar un megaproxecto eólico de 31 aeroxeradores de 170,5 MW de potencia.
Con carácter previo a dita ruta, Antón Gómez Reino mantivo unha xuntanza con membros do club de montañismo ‘Montañas de Trevinca’, unha das entidades que máis leva traballado para evitar a instalación do que se denomina ‘Parque Eólico Prada’, cuxa tramitación administrativa se atopa agora mesmo na fase de avaliación do impacto ambiental.
Unidas Podemos-En Comú Podem- Galicia en Común xa rexistrara no Congreso, o pasado mes de febreiro, unha iniciativa para evitar que as administracións públicas dean luz verde a un proxecto cuxas instalacións limitarían coas Zonas Especiais de Conservación do Macizo Central e Pena Trevinca, atravesarían 8 zonas protexidas de auga potable, así como a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Meseta Ibérica. «Isto danos un apunte», sinalou Gómez Reino, «da riqueza medioambiental que se poría en risco. Non podemos permitir que un megaproxecto eólico de 31 aeroxeradores estrague unha zona de tanto valor ambiental».
Co obxectivo de protexer o medio ambiente sen renunciar ao desenvolvemento de enerxías limpas e alternativas, o Grupo Parlamentario conseguiu incorporar unha emenda ao Proxecto de Lei de Cambio Climático na que se aposta por despregar enerxías alternativas dunha maneira compatible coa conservación do patrimonio natural e a adecuada ordenación territorial. Con ese obxectivo, perseguirase revertir parte da riqueza que se xera no propio territorio e así activar a súa economía e combater o declive demográfico.