Gómez Reino: “O Congreso ten que poñer luz e taquígrafos sobre as contas escuras de Juan Carlos de Borbón”

«A Monarquía debe render contas en democracia. Para nós a lei é igual para todos»

Madrid, 11 de decembro de 2020.- O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de rexistrar ante a Mesa do Congreso unha iniciativa para que a Cámara Baixa investigue o uso de tarxetas opacas por parte do rei emérito e de outros membros da Casa Real.

«Os fondos destas tarxetas, presuntamente sufragadas por un empresario mexicano amigo do emérito», sinala o texto presentado, «procederían do extranxeiro. Os movementos financeiros desa conta e os gastos desas tarxetas corresponderían aos anos 2016, 2017 e 2018, todos eles posteriores á abdicación do Rei emérito en xuño de 2014».

O deputado galego e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, cualificou estes actos como «inaceptables para unha persoa que tivo responsabilidades durante varias décadas sendo Xefe do Estado» e como «unha nova tomadura de pelo a toda a cidadanía, que mentres pasa dificultades en moitos casos para chegar a fin de mes ve como o Rei emérito fai e desfai cos cartos de todas».

Gómez Reino apuntou que » a Mesa do Congreso debería aceptar que se constitúa esta Comisión de Investigación xa que os feitos son posteriores á abdicación e, por tanto, perde a condición de inviolable que recolle a Constitución».

Para o portavoz de Galicia en Común, «a Monarquía debe render contas en democracia como calquera outra institución do Estado e someterse ao control do Congreso, do conxunto da cidadanía, que a sufraga cos seus impostos».

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.