Gómez Reino: ‘O futuro de Galicia está ligado ao de Ferrolterra. Este SOS industrial marca o camiño: compromiso, inversions e reindustralización’

O deputado de Unidas Podemos secundou a folga comarcal convocada polos sindicatos para clamar contra a fonda crise industrial tras dos peches de Endesa, Gamesa ou Poligal e a falla de contratos navais nos asteleiros

Gómez Reino lembrou a tradición de loita obreira de Ferrol cando se cumpren 49 anos do asasinato a tiros de Amador Rey e Daniel Niebla pola policía franquista

Ferrol, 10 de marzo.- O deputado de Unidas Podemos pola Coruña, Antón Gómez Reino, xunto a outras compañeiros e compañeiros do noso espazo político, sumouse hoxe en Ferrolterra a folga comarcal unitaria convocada polos sindicatos galegos para clamar contra á desertización industrial que sofre a comarca de Ferrolterra dende hai anos.

‘Temos claro que o futuro de Galicia está ligado ao futuro de Ferrolterra. Este SOS industrial que hoxe lanzamos aquí, unitario e determinado, marca o camiño do que ten que ser como aposta a presente e a futuro: compromiso, investimentos e reindustrialización», sinalou o deputado galego e voceiro de Galicia en Común.

A crise industrial de Ferrolterra ven de lonxe e ten fondas raíces -apuntou- que se veñen arrastrando durante anos e anos baixo gobernos de distinto signo político tanto na Xunta como no Estado, pero que no concreto, ten responsables con nomes e apelidos nesta última decada de absoluta inacción por parte da Xunta do PP de Alberto Núñez Feijóo, que «con plenas compentencias en materia de Industria, consentiu e foi cómplice do espolio e do peche das nosas industrias’.

Desde Unidas Podemos denunciamos a complicidade e a connivencia dos gobernos do PP na Xunta de Alberto Núñez Feijóo. Cómplices con Endesa, que pecha logo de medio século de espolio ecolóxico e económico nas Pontes, con particular afección no río Eume sen amago de apostar por unha transición económica xusta.

Tamén con Siemens-Gamesa nas Somozas, unha empresa que se deslocaliza con descaro a Portugal, logo de obter axudas públicas e concesións eólicas do Goberno galego executando 215 despidos nunha fábrica de palas que chegou a empregar a máis de 700 persoas. Cómplices antes con Poligal, Noa Madeiras Creativas e unha e outra vez no naval na ría, que leva anos advertindo de que a falla de contratos se vai traducindo nunha sangría de despidos coa destrucción de centos de empregos directos e indirectos nunha comarca afogada no monocultivo industrial.

“Esta mobilización, desde a unidade da acción sindical e nunha data tan sinalada para a cidade como é este 10 de marzo, na lembranza daqueles sucesos violentos e tráxicos no 1972, é un clamor que debe ser escoitado polas Administración públicas que teñen as competencias e os recursos para pór freo a esta sangría e marcar o camiño que pasa polo compromiso político, a aposta decidida nas inversións públicas e a reindustrialización’, apuntou o deputado.

‘Estamos aquí na defensa do futuro dunha comarca na que vivir e traballar. Unha interveción pública e decidida nas políticas industriais que garantan o compromiso co emprego. Unha aposta a presente e a futuro», concluíu Gómez Reino.

Aquí podes descargar o audio.

E nesta ligazón tes o vídeo.