O candidato visitou as instalacións de CLUN, unha das cooperativas lácteas que contribúen a facer de Galicia unha “potencia na produción e exportación de leite”
Ames, 19 de xuño de 2020.- O candidato a Presidencia da Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, visitou esta mañá a sede das Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) onde coñeceu o traballo da factoría en primeira persoa da man do seu presidente, José Ángel Blanco; o seu director xeral, Rafael Prieto e a vicepresidenta e coordinadora do Grupo de Mulleres SEU, Carmen Rodríguez.
Para Galicia en Común-Anova Mareas o sector lácteo é “fundamental para a economía galega xa que supón arredor do 40% da produción de todo o Estado», indicou Gómez Reino.
A coalición entende que ese esforzo do noso sector lácteo debe ir acompañado de medidas que contribúan ao equilibrio do mercado e á recuperación dos prezos ao produto, corrixindo a liberalización da política láctea europea aplicada na última década.
“O futuro presidente da Xunta”, sinalou Gómez Reino “debe loitar por cada litro de leite dos nosos gandeiros e por cada euro de valor engadido das nosas industrias”.
«A partir do 12 de xullo», remarcou, “impulsaremos axudas directas e adicionais do Fondo de Crise ás explotacións que atopan dificultades para garantir a súa continuidade.
«Vixiaremos o cumprimento do Plan Nacional de Controis da Contratación no sector lácteo e condicionando as axudas públicas para conseguir compromisos das cadeas de distribución e das industrias que garantan a recollida do leite de tódalas explotacións con referencias obxectivas en canto á negociación de volumes e prezos», concluíu.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino na visita a CLUN.
E nesta ligazón tes o vídeo se gostas.