Gómez-Reino: “O goberno está a traballar para ter un estatuto electrointensivo”

Madrid, 22 de xaneiro de 2020.- O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, acompañou aos traballadores e traballadoras de Alcoa A Coruña e Alcoa San Cibrao que acudían hoxe a Madrid para manifestarse diante dos Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica. Gómez-Reino apuntou que “levamos moito tempo estando ao seu carón e trasladando as súas iniciativas ao Congreso”. Nese sentido foron máis dunha ducia as iniciativas parlamentarias presentadas polo grupo nas últimas lexislaturas. O voceiro tamén engadiu que “o Goberno do Estado está a traballar para ter un Estatuto Electrointensivo que dea respostas aos traballadores e as súas familias”.

Precisamente a elaboración e aprobación dun estatuto para as electrointensivas galegas foi unha das peticións que Galicia en Común conseguiu incorporar no acordo de goberno entre o PSOE e Unidas Podemos, un documento que permitirá que o prezo da enerxía sexa competitivo. Antón Gómez-Reino resaltou que “o que nos corresponde, ata que se peche ese estatuto polo que seguiremos traballando institucionalmente, é estar ao lado dos traballadores”.

Ao finalizar a manifestación, o voceiro reuniuse no Congreso cos traballadores das electrointensivas, cos que Galicia en Común leva mantendo numerosas xuntanzas e trasladando as súas demandas á Cámara Baixa. Dende a formación entendemos prioritario abordar unha transición ecolóxica xusta que permita manter os postos de traballo.

Nesta ligazón podes descargar as declaracións de Antón Gómez-Reino: https://bit.ly/38oH8lQ