Gómez-Reino: “O mellor para a sanidade pública galega é que Feijóo deixe de ser presidente da Xunta”

Santiago, 9 de febreiro de 2020. O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, sumouse hoxe á manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública ante “os recortes e a política de desmantelamento de Núñez Feijóo. Vímolo recentemente coa resposta masiva por parte, por exemplo, da veciñanza de Verín que coas súas protestas conseguiu que se reabrise o paridoiro da localidade”. Unha situación de recortes que se da tamén noutras zonas como Ferrolterra ou na localidade de Valeixe, na Cañiza, o que amosa “a nula preocupación do PP e absoluta neglixencia e falta de xestión para dotar de recursos á nosa sanidade pública, sobre todo nas zonas rurais do país”.

Por iso na xornada de hoxe foron milleiros as persoas que sairon ás rúas de Compostela para berrar alto e claro que a sanidade é un dereito. A política sanitaria de Feijóo caracterízase polos recortes na Atención Primaria, o desmantelamento dos hospitais comarcais, a privatización en casos como o de Povisa, en Vigo, ou a falta de recursos humanos, que se suman á precariedade do persoal que traballa na sanidade pública galega. Así, Gómez-Reino quixo amosar o seu apoio “a tantos profesionais da sanidade pública galega que día tras día e en condicións precarias traballan por todos e todas nós. Hoxe é de xustiza que esteamos aquí para coidar de quen nos coida e para dicir alto e claro que os recortes en sanidade matan”. 

Nese sentido o noso voceiro engadiu que «estamos con milleiros de persoas defendendo a sanidade pública galega, que é un dos maiores bens comúns que temos e debemos tamén parabenizar ás plataformas da sociedadade civil que levan tanto tempo traballado por construír unha mobilización masiva que di alto e claro que a sanidade pública se defende». Gómez-Reino sinalou que “Feijóo é tamén responsable de facer electoralismo vergoñento co Hospital da Coruña e tamén dos recortes e da privatización da nosa sanidade”. Tamén no que ten que ver, non só coa atención primaria senón coa saúde mental xa que Galicia leva 9 anos sen un plan de saúde mental que responda as necesidades do noso pobo, como son problemas relacionados coa sanidade, a depresión ou os suicidios.

Ademais Gómez-Reino sinalou que «é imprescindible denunciar que Feijóo é o maior problema que ten a sanidade pública galega. É o maior inimigo da nosa sanidade. É o responsable dos recortes de persoal e recursos».

Podes escoitar as súas declaracións nesta ligazón