Gómez Reino: “O modelo forestal de Feijóo falla e é o pulmón de Galicia quen o paga”

A formación propón actuar de maneira “inmediata” para evitar a contaminación do Sil e un plan de recuperación do terreo coa repoboación de especies autóctonas 

Podemos Galicia denunciou este xoves o modelo forestal abandeirado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, baseado en políticas de extinción e en plantacións masivas de eucaliptos, que en prol do beneficio das empresas, son combustibles para os nosos montes ao ser unha especie pirófila.

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, lamentou as máis de 1.500 hectáreas queimadas en Ribos de Sil, un dos enclaves naturais más valiosos do noso país. “Actualmente só hai catro contratos activos para combater os incendios dos 18 que hai en total, cando segundo a Xunta a tempada de incendios dáse este mes. Feijóo non é capaz de facer coincidir o groso das contratacións coa vaga de incendios, non ten lóxica algunha, e esta inacción ao longo de 11 anos acaba de deixar unha Ribeira Sacra destruída”, alegou o secretario. 

A formación insta á Xunta de Galicia a actuar de maneira “inmediata” para evitar a contaminación do Sil e a morte dos peixes polo arrastre da terra cando empecen as choivas, así como un plan para recuperar o terreo danado que favoreza a repoboación con especies autóctonas máis resistentes aos incendios. 

“Unha terra coidada, limpa de maleza e con vexetación autóctona é un escudo contra os incendios. Unha gandería extensiva que coide os terreos cunha poboación arraigada no rural son a mellor política, hai que promover actividades sostibles e compatibles coa natureza. Podemos xerar valor engadido e crear aldeas sostibles”, alegou Gómez Reino. 

“O plan PLADIGA é un fracaso, non pode ser que a Xunta dedique o 80% do orzamento á extinción e deixe o restante á prevención, que debe ser continua, cunha estabilización do persoal e cun reforzo dos recursos”, continúa. “Este é o maior incendio forestal no que vai de ano, unha catástrofe que afecta a unha paraxe dunha extraordinaria riqueza ambiental e socieconómica. Esperemos que polo menos sirva para que a Xunta se dea de conta de que o seu modelo falla e é o pulmón de Galicia quen o paga”.