Gómez Reino: “O persoal auxiliar das Pontes merece un futuro e alternativas ao peche. Non podemos deixalos atrás”

Gómez Reino: “Hai que dar unha saída aos traballadores auxiliares das Pontes, este peche déixaos sen nada”

Unidas Podemos vén de presentar unha iniciativa parlamentaria ante o Congreso relativa á situación laboral do persoal auxiliar de Endesa

Luns, 12 de xullo. O deputado de Unidas Podemos e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, enviou unha mensaxe de apoio e solidariedade aos traballadores das empresas auxiliares de Endesa nas Pontes que comezaron o martes pasado unha acampada reivindicativa ante a gravidade da súa situación laboral tralo peche inminente da térmica. 

O martes pasado os traballadores iniciaron a súa protesta despois de que finalizara o 30 de xuño a garantía de emprego acordada coa multinacional eléctrica, de feito, algunhas empresas xa efectuaron traslados.  Ata o momento o persoal non recibiu ningunha mensaxe por parte de Endesa nin das administracións na procura dalgunha solución ou contacto tras meses de loita para atopar solucións á súa situación.

“Despois de anos de sobreexplotación mineira estes traballadores quedan sen emprego e sen alternativas de futuro”, sostivo Gómez Reino. “O persoal auxiliar de Endesa merece un futuro e alternativas ao peche, non podemos deixarlles atrás na transición enerxética, que debe achegar alternativas de emprego e industriais para a comarca e sobre todo para as familias que o están vivindo en primeira persoa”, engadiu este luns Antón Gómez Reino.

Unidas Podemos vén de presentar unha iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados relativa á situación actual do persoal auxiliar de Endesa, con varias preguntas dirixidas ao Ministerio de Transición Ecolóxica.