Gómez Reino: “O PP tratou de privatizar as universidades pola porta de atrás. Blindaremos o sistema público reforzándoo con máis recursos”

Galicia en Común-Anova Mareas negociará un novo plan de financiamento das Universidades públicas galegas (2020-2024) que as aproxime aos niveis de investimento doutros Estados da contorna

Compostela, 25 de xuño de 2020.- O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Antón Gómez Reino, reuniuse esta mañá cos reitores das tres universidades galegas: Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela; Julio Abalde, da Universidade da Coruña e Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo.

Antón Gómez Reino trasladoulles o compromiso da coalición de “apostar de maneira firme e decidida por unha educación gratuita, pública e de calidade.

«O PP de Núñez Feijóo desde a Xunta, tratou de privatizar as universidades pola porta de atrás. Nós blindaremos o sistema universitario público a partir do 13 de xullo. Reforzandoo e dotándoo de mais recursos».

Nesa liña o futuro goberno de Galicia en Común, avanzou o portavoz e candidato da coalición, modificará a actual lei de universidades para derrogar os artigos da Lei de Universidades de Galicia que facilitan a creación de universidades privadas e de titulación a distancia sen garantías da necesaria calidade.

O candidato explicou que “a partir do 13 de xullo negociaremos un novo plan de financiamento das Universidades públicas Galegas”, un plan a catro anos que a dote dos recursos suficientes e que as vaia aproximando ás cifras dos países da contorna.

Por último, Galicia en Común-Anova Mareas creará a Mesa Sectorial de Universidades para recuperar os dereitos do persoal docente e investigador “tan maltratado na última década polas políticas de Núñez Feijóo” cunha aposta decidida pola investigación “creando un plan de retención e retorno do talento investigador perdido na última década”, con axudas competitivas que favorezan a transferencia de coñecemento e a colaboración entre o tecido social e asociativo galego e a Universidade.