Gómez Reino: “O saneamento da ría do Burgo é unha demanda histórica á que resposta este Goberno e que permitirá consolidar postos de traballo no mar”

O deputado de Unidas Podemos pídelle ás Administracións que artellen mecanismos de compensación mentres duren os traballos de dragado da ría

A Coruña, 9 de novembro de 2020.- O deputado de Unidas Podemos pola provincia da Coruña e voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, mantivo esta mañá unha xuntanza coa Confraría de Pescadores da ría do Burgo, que lle amosaron a súa satisfacción porque se acometa a rexeneración da ría do Burgo, tras moitos anos demandando esta actuación ao goberno do Estado..

Antón Gómez Reino lembrou que “o proxecto de Presupuestos Generales del Estado, en proceso de tramitación, contemplan 20 millóns de euros para o saneamento da ría, “unha reivindicación histórica da cidade da Coruña e tamén do colectivo de pescadores e mariscadoras a pé que permitirá a consolidación dos postos de traballo”, lembrou Gómez Reino.

A Confraría de Pescadores e Mariscadoras a pé da ría do Burgo tamén lle trasladou ao deputado as problemáticas do sector, e lamentaron a ausencia de apoio por parte da Consellería do Mar e da Xunta de Galicia ás que lle piden unha maior implicación.

O deputado trasladará ao conxunto de administracións a necesidade de que artellen mecanismos de compensación para pescadores e mariscadores mentres duren os traballos de saneamento da ría.

Podes escoitar o audio nesta ligazón.

E aquí podes atopar o vídeo de Gómez Reino no porto da Coruña.