Gómez-Reino: “O tempo político de Feijóo rematou e toca traballar por un goberno plural de esquerdas”

Madrid, 11 de febreiro de 2020.- O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, valorou antes do comezo da reunión de cada martes da Xunta de Portavoces, a decisión do presidente da Xunta de Galicia de adiantar as eleccións autonómicas ao vindeiro 5 de abril. Segundo Gómez-Reino “é unha magnífica noticia que indica que o tempo político de Feijóo rematou e que toca traballar por un goberno plural de esquerdas”. O deputado lembrou “a masiva manifestación do domingo en Compostela onde máis de 30.000 galegos e galegas amosaron o seu rexeitamento ás políticas privatizadoras da sanidade de Núñez Feijóo”. Por iso insistiu na “necesidade de virar en 180 graos as políticas do Partido Popular”.

Gómez-Reino fixo tamén referencia ao “paso importante que se da no día de hoxe para legalizar a eutanasia”. O voceiro apuntou que “é evidente” que esta lei cuxa tramitación comeza hoxe “é liberdade e dignidade e ten que ser un dereito que nos equipara ás democracias avanzadas” e tivo un recordo especial “a moitas persoas que loitan por una morte digna, especialmente a Ramón Sampedro que dixo que tiña que morrer como un criminal e non como lle tivera gustado, que é dignamente”.

Ademais o voceiro de Galicia en Común congratulouse de que “hoxe tamén e despois do traballo de anos, é unha magnífica noticia que se dea a coñecer a folla de servizos dun torturador como Billy el Niño” lembrando todas as iniciativas levadas ao Congreso polo Grupo Confederal de Unidas Podemos e asegurando que “o fascismo e a tortura non poden ter impunidade nin cabida na nosa sociedade”.

Antón Gómez-Reino tamén participou na mañá de hoxe nunha xuntanza con outros Grupos Parlamentarios e entidades en defensa das linguas do Estado, presidida pola Mesa pola Normalización Lingüística, onde se trasladaron as medidas que consideran que debe tomar o Goberno do Estado para garantir a diversidade lingüística.