Solicita a atención urxente ao sector por parte do Ministro Planas ante o inminente desabastecemento dos mercados e a subida de prezos
Antón Gómez Reino, portavoz de pesca de Unidas Podemos, rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados alertando sobre o parón da frota pesqueira pola subida dos prezos dos carburantes.
Este incremento de prezos, primeiro polos efectos da crise sanitaria e agora polos da guerra en Ucraína, está a provocar que a frota pesqueira de diferentes portos de Galicia, Asturias, Andalucía e outras comunidades suspenda a súa actividade de maneira temporal ata que non se dea unha solución a esta problemática. Xa hai barcos amarrados que non saen a faenar nos portos de Vigo, Burela, Celeiro, Almería, Ayamonte, Isla Cristina, Barbate ou Caleta de Vélez, entre outros, e anuncios de que o parón vai ser xeral nos próximos días de ter continuidade esta situación. A Federación Nacional de Confrarías de Pescadores avoga por estender o amarre da frota pesqueira a todo o Estado ante esta situación “inviable”.
Este xoves o tamén secretario xeral de Podemos Galicia mantivo unha xuntanza con representantes do sector pesqueiro, entre eles, a Federación Galega de Confrarías, a Federación Provincial de Lugo, Confrarías Asturianas e CEPESCA. Segundo Gómez Reino, este incremento dos custos de explotación á frota pesqueira fai directamente “non rendible” a súa actividade, polo que se require unha actuación urxente por parte do Ministerio que sirva de maneira efectiva para a resolución desta problemática.
O portavoz propón atender ás propostas que fai o propio sector, como a activación das axudas “minimis” e o establecemento de medidas suplementarias. “Se non se afronta de maneira inmediata esta situación, o sector pesqueiro vai sufrir un impacto do que será difícil recuperarse, ao que se sumará o desabastecemento dos mercados e o incremento de prezos para os consumidores finais”.
Neste senso, incidiuse na necesidade de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación impulse medidas complementarias con outras Administracións Públicas, coa Unión Europea e outros organismos internacionais. Para Gómez Reino “estamos ante unha problemática que afecta de maneira xeneralizada a todo o mundo, polo que as respostas deben ser tamén globais e coordinadas a diferentes escalas. Non se pode concibir que os organismos que rexen o sector a nivel internacional miren para outro lado, ou que as solucións propostas non conten co apoio das diferentes administracións competentes”.