O deputado galego de Unidas Podemos sinala a urxencia de asignar á factoría de Ferrol carga de traballo para asegurar o mantemento do emprego no naval
Desde 2016, Unidas Podemos rexistrou 58 iniciativas no Congreso sobre Ferrol e os estaleiros de Navantia en seis anos e tres lexislaturas
Ferrol, 15 de maio.– O deputado galego, Antón Gómez Reino, apremia ao Ministerio de Defensa para que asigne aos estaleiros públicos de Navantia na ría de Ferrol os traballos de transformación do buque ‘Galicia’, recentemente adquirido polo Estado, para garantir a carga de traballo en Ferrolterra, unha comarca en desmontaxe industrial ante a pasividade cómplice da Xunta de Feijóo.
‘O buque ‘Galicia’ será entregado ao Ministerio o 30 de abril. Unha vez definida a adaptación oportuna, decidirase a contratación do asteleiro ao que se lle fai o encargo”, limitase a sinalar o departamento de Margarita Robles nunha resposta recente ao grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común.
Foi en resposta a unha pregunta escrita formulada na Cámara Baixa por Antón Gómez Reino o pasado 24 de marzo, logo de ter participado o pasado 10M na folga comarcal de Ferrolterra polo futuro dunha comarca en crise sistémica ante a inacción da Xunta e de recoller as demandas dos sindicatos para garantir carga de traballo para os asteleiros públicos da ría que son o motor da economía nesta ría galega.
‘É urxente que Defensa defina e asigne os traballos do ‘Galicia’ aos asteleiros da ría de Ferrol, que xa deseñaron o proxecto de transformación para adaptar o buque ao transporte’, reclama Gómez Reino. ‘Ferrolterra precisa axiña deste encargo para paliar a falta de carga de traballo do naval e garantir a ocupación do cadro de persoal e das súas auxiliares, motor da economía dunha comarca esquecida pola Xunta do PP e moi castigada polo desemprego’.
A pregunta facíase eco da carta remitida por CCOO, CIG e UGT a Ministra de Defensa na que lle demandaban que encomendase a Navantia Ferrol-Fene a transformación do buque ‘Galicia’, para paliar a falta de carga de traballo e garantir o emprego na factoría e auxiliares até que se inicie o proxecto das F-110, previsto na primavera do 2022.
O Galicia é un buque ro-ro de 150 metros de eslora construido en Vigo por Hijos de J. Barreras que foi adquirido por Defensa por 7,5 millóns de euros co obxecto de adaptalo ao transporte militar. Os traballos de enxeñería para acomodalo a súa función xa foron realizados na ría de Ferrol.
58 iniciativas sobre Ferrol e os asteleiros en seis anos e tres lexislaturas
Cómpre salientar que desde a irrupción do noso grupo no Congreso no ano 2016 rexistraronse un total de 58 iniciativas na Cámara Baixa directamente relacionadas cos asteleiros públicos de Navantia na ría de Ferrol; con moita diferencia o grupo parlamentar que máis ten inquirido ao Goberno polo futuro do sector neste tempo.
Polo miúdo, foron 35 preguntas escritas, 4 preguntas orais, 4 solicitudes de informes, 5 solicitudes de comparecencia e 10 Proposiciones non de Lei, rexistradas polos nosos deputados, Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino. Sobre Ferrolterra foi, precisamente, a primeira iniciativa parlamentar deste grupo en seis anos e tres lexislaturas.
As cuestións que se abordaron, neste intenso traballo parlamentar foron principalmente a situación do cadro de persoal de Navantia Ferrol e Fene e da súa industria auxiliar, a carga de traballo a presente e futuro, as propostas de investimentos tecnolóxicos e o Asteleiro 4.0, así como os contratos estatais e internacionais previstos -ou en proceso-, e as propostas de plans industriais, financieiros, comerciais e estratéxicos.
Foron aprobadas no Congreso sendas iniciativas para a elaboración dun Plan financiero e do Plan industrial, xa activos. Ademáis, algunhas das nosas propostas de investimento en novas tecnoloxías, I+D+i e a aposta decidida polo futuro do naval no asteleiro 4.0 están en marcha nesta lexislatura e recollidas nos PGE 2021.
*Nesta ligazón podes consultar a relación completa das iniciativas presentadas sobre Ferrol e os asteleiros desde xullo do 2016 até o pasado 24 de marzo nas lexislaturas XII, XII e XIV.
E aquí a Pregunta formulada polo noso grupo e a Resposta do Executivo.