Gómez-Reino pide a Feijóo que impida que as clínicas con convenios co Sergas reduzan persoal en plena crise sanitaria

A dirección de HM, con cinco hospitais en A Coruña, Santiago e Vigo, instou ao cadro de persoal a acollerse a vacacións, excedencias ou reducións de xornada para aforrar custes

Compostela, 24 de marzo de 2020. O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, instou hoxe ao Goberno popular de Alberto Núñez Feijóo a impedir que aqueles hospitais privados que manteñen convenios co Servicio Galego de Saúde aproveiten a epidemia do Covid-19 e a crise socioeconómica derivada dela, para despedir traballadoras ou presioalas para que se acollan a vacacións, excedencias ou reducións de persoal.

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas saía así ao paso das informacións publicadas hoxe por eldiario.es sobre a decisión de Hospitales de Madrid (HM) de instar aos seus traballadores e traballladoras a cesar voluntariamente na súa actividade laboral mediante esas fórmulas, e reducir así os seus custes laborais.

HM xestiona en Galicia cinco centros privados: dous en A Coruña (HM Belén e HM Modelo), dous en Compostela (HM A Esperanza e HM A Rosaleda), e un en Vigo (HM O Castro) que suman 310 camas, segundo a Asociación de Hospitales de Galicia. Os datos de Ahosgal indican que o 26,5% da atención especializada e hospitalaria de Galicia xa está en manos de empresas privadas. E, segundo o Instituto Galego de Estatística, (IGE), o número de camas de hospital en Galicia se reducíu case un 10% nos once anos de Goberno de Feijóo.

“A Xunta non pode permitir que, despois de anos de privatizacións dos servicios sanitarios, quen están a facer negocio coa sanidade reduzan persoal xusto no momento en que se precisan que todos os medios humanos e técnicos estean a disposición da loita contra o Covid-19”, dixo Gómez-Reino. “Desde o mandato que da o Decreto de Alarma, Feijóo debe forzar a eses centros, que levan anos facendo negocio cos cartos, a manterse con toda a súa plantilla a pleno rendemento”.

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas subliñou que a crise sanitaria e económica derivada da epidemia de Covid-19 “combátese desde o público, desde a sanidade pública e desde a prestación pública dos servicios sociais e de coidados esenciais”. Nese sentido, lembrou que esta misma mañá, a coalición demandou a inmediata medicalización de todos os centros galegos de terceira idade, dependentes, menores e de día, dotandoos dos medios humanos e técnicos precisos para garantir a mellor atención posible.

Tamén insistíu na demanda que a coalición fixo o pasado domingo para pedir a comparecencia urxente de Feijóo e do Conselleiro de Sanidade ante a Deputación Permanente de Parlamento de Galicia.