O deputado Antón Gómez-Reino, do Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia En Común, levou ao Congreso as preocupacións polo estado da rede viaria na provincia de Ourense.
Ante as reiteradas denuncias sobre o mal estado do asfaltado e a falta de iluminación en moitos puntos, o deputado presentou unha batería de preguntas relativas a tres vías fundamentais para vertebrar a provincia de Ourense.
Por un lado, pregunta polas actuacións previstas polo Ministerio de Transportes para a mellora da autovía A-52 e da N-120.
Así mesmo, Gómez-Reino tamén pide medidas de seguridade vial para reducir o número de accidentes de tráfico na N-525 no seu tramo por Ourense.
Esta non é a única iniciativa que presentou o portavoz de Galicia en Común relativa á mobilidade en Ourense. Gómez-Reino tamén preguntou ao Ministerio de Transportes pola estratexia para mellorar as conexións ferroviarias entre Ourense e o resto de Galicia, así como para modernizar e ampliar a estación intermodal da cidade, unha reivindicación que tamén fan dende a candidatura de Agora Ourense.