Gómez Reino pide no Congreso manter os servizos de control aéreo no aeroporto de Alvedro

Galicia en Común rexistrou unha pregunta no Congreso dos Deputados relativa á creación dun centro multidependencia en Vigo e as súas posibles consecuencias no aeroporto de Alvedro, na Coruña.

Segundo as informacións publicadas ao longo dos últimos días nos medios de comunicación, AENA anunciou a creación dun centro multidependencia en Peinador (Vigo) que controlaría tres aeroportos, entre eles Alvedro, a través dun centro de control remoto para o tráfico aéreo. Desta maneira, o aeródromo da Coruña pasaría a depender deste centro, e Alvedro podería perder a súa torre de control.

“Estas informacións están a xerar alarma entre a cidadanía e as institucións locais, que apuntan a unha posible degradación dos servizos do aeroporto coruñés e avogan polo mantemento dos servizos de control aéreo no propio aeroporto, cun contacto directo das pistas”, xustifica a formación na súa iniciativa. Ademais, sinala como consecuencias desta actuación, e así o apunta o comité de empresa, a “desaparición dos controladores do aeroporto coruñés e o control das entradas e saídas de avións a 150 quilómetros de distancia, mediante cámaras instaladas en pista”.

Galicia en Común preguntou ao Goberno os aeroportos galegos que quedarían baixo a vixilancia do novo centro de Vigo e os seus posibles impactos nos postos de traballo. “Alvedro non pode perder o seu centro de vixilancia a pé de pista. Insistimos na necesidade de manter os controladores, o aeroporto da Coruña non debe prescindir deste servizo esencial”, alegou o deputado Antón Gómez Reino.