O deputado pola Coruña insta ao goberno a que se convoque, canto antes, a Mesa para a Transición Xusta de As Pontes, de cuxos avances dependen 750 familias
Madrid, 13 de novembro de 2020.- O deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, vén de presentar unha iniciativa no Congreso para que Endesa faga públicos os estudos sobre biocombustibles levados a cabo na central de As Pontes e que o Ministerio de Transición Ecolóxica convoque canto antes a Mesa para a Transición Xusta.
“A utilización de biocombustibles”, sinala o documento, “concebíase como a mellor maneira de continuar co funcionamento da central e manter así os postos de traballo do que dependen 750 familias da comarca”.
O Comité de Empresa da central, tal e como lle manifestou a Antón Gómez Reino o pasado luns nunha xuntanza telemática, amosara a súa satisfacción hai arredor dun ano polo resultado das primeiras probas e que indicaban a posibilidade de ir a unha relación de 60% carbón e 40% biocombustibles, o que faría viable a continuidade da central.
Tal e como recolle a iniciativa presentada “en primavera leváronse a cabo máis estudos por parte de Endesa e o Ministerio de Transición Ecolóxica anunciou a creación dunha Mesa para a Transición Xusta de As Pontes onde estarían representadas as administracións implicadas (Estado, Xunta e Concello) así como os traballadores, sindicatos e empresas auxiliares”.
“O que nos trasladan os sindicatos”, asegurou Gómez Reino, “é que coñecen os resultados das probas de maneira extraoficial e piden que se fagan públicos. Nós sumámonos a esa petición, así como a que o Ministerio de Transición Ecolóxica convoque canto antes a Mesa para a Transición Xusta”.
O deputado pola Coruña súmase a preocupación “dos traballadores da central polos seus postos de traballo, así como da propia sociedade da comarca polo impacto económico que tería o peche da factoría por parte de Endesa”.
Cómpre lembrar que a central das Pontes forma o centro xerador máis importante do Estado, con dúas centrais hidroeléctricas de 60MW, o núcleo eólico de Tesouro con 161MW e a central de ciclo combinado de gas natural de 800MW.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.