- Gómez Reino: “Estes contidos promoven o maltrato animal na radio pública. As corridas de toros son rexeitadas pola maior parte da cidadanía en todo o Estado”
- “Foi Franco quen decidiu denominar as corridas de toros como «festa», e é un apelativo da ditadura ao que temos que poñerlle fin”
Sábado, 3 de xullo. O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, rexistrou no Congreso unha iniciativa parlamentar para coñecer o coste público de manter contidos de carácter taurino na Radio Nacional, concretamente, o programa “Clarín”, de Radio 5.
Este magazine emítese os sábados e os domingos e en Radio Exterior os luns, en total, máis de dúas horas de duración. O 15 de xuño Clarín entregou unhas “orellas de ouro” a toureiros para enxalzar unha actividade que recibe un gran rexeitamento por parte da poboación de todo o Estado.
De feito, a maior parte dos grupos privados de comunicación eliminaron das súas parrillas toda produción relacionada con contidos taurinos debido ás baixas audiencias. “Non entendemos como CRTVE continúa emitindo esta clase de contidos disfrazados de arte ou cultura. Foi Franco quen decidiu denominar as corridas de toros como «festa» e é un apelativo da ditadura ao que temos que poñerlle fin”.
No documento presentado ao Goberno, o deputado preguntou o coste exacto do programa Clarín dos últimos cinco anos e tamén das entregas dos premios do mes pasado, a súa audiencia media anual e a finalidade de CRTVE entregando esta clase de galardóns ao lobby taurino.
“Estes contidos promoven o maltrato animal na radio pública. As corridas de toros son rexeitadas pola maior parte da cidadanía en todo o Estado. Non é arte, é un espectáculo de terror e tortura que comeza moito antes de que os animais salgan ao rodo”, apuntou Gómez Reino.