Gómez Reino pide o arranxo e a mellora da seguridade da N-120 ante o peche temporal do túnel da Cañiza

  • “Trátase dunha cuestión de seguridade nun tramo con desnivel e con moito deterioro, o que dificulta a circulación e aumenta a perigosidade en pleno inverno e coas condicións meteorolóxicas das últimas semanas”

Madrid, 5 de febreiro de 2021.- O deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, vén de rexistrar unha pregunta escrita no Congreso para que o Ministerio de Transportes e Mobilidade acometa de maneira urxente obras de mellora na N-120 ao seu paso pola Cañiza e polo alto de Fontefría.

O peche temporal do túnel da Cañiza o pasado 25 de xaneiro por mor dun incendio nun camión e nos oito vehículos que transportaba provocou o desvío do tráfico rodado por dita estrada nacional. A infraestrutura viuse gravemente danada en sentido Ourense e require importantes obras de reparación no túnel da A52. “A Autovía das Rías Baixas comunica Vigo con Ourense, é a principal vía de comunicación entre a costa sur de Galicia co resto da península e ademais ten unha media de uso de 30.000 vehículos diarios”, lembrou o deputado.

As previsións apuntan a que o túnel estará pechado cando menos entre dous e tres meses, o que ten como consecuencia a utilización de aproximadamente 12 quilómetros de N-120. “O estado desta estrada é moi mellorable e por iso pedimos que se acometan obras de mellora do firme. Trátase dunha cuestión de seguridade nun tramo con desnivel e con moito deterioro, o que dificulta a circulación e aumenta a perigosidade en pleno inverno e coas dificultades meteorolóxicas das últimas semanas”, indicou Gómez Reino.

Dende Unidas Podemos tamén se lle exixe a Transportes a realización de obras que melloren a sinalización e o pintado do firme, así como algunha outra medida que dote a este tramo de maior seguridade, sobre todo fronte ao paso continuado de animais domésticos e salvaxes. Finalmente pídese que se valore algunha alternativa para evitar que todo o tráfico desviado pase polo centro do municipio de A Cañiza, que carece das condicións adecuadas para soportar tanto volume rodado.