Gómez Reino pide que o Estado e a Unión Europea tomen medidas polas detencións e a represión en Turquía

“Resulta preocupante o incremento da persecución, as detencións e o acoso durante este último ano por parte do goberno turco contra a súa poboación e, especialmente, contra aqueles pertenecentes á minoría kurda”

Madrid, 1 de outubro de 2020.- O grupo parlamentario de Galicia en Común presentou hoxe unha iniciativa parlamentaria para que o Estado español e a Unión Europea emprendan algún tipo de actuación tras coñecerse a escalada de represión do goberno presidido por Erdoğan.

No escrito amósase a preocupación do grupo polas detencións dunha decena de membros destacaddos do partido prokurdo HDP, acontecidas a semana pasada. Entre as persoas detidas atópase o alcalde de Kars, ademais de varios exparlamentarios e do voceiro do HDP, terceira forza en Turquía.

“Esta nova operación súmase á campaña pola cal as autoridades turcas cesaron nos últimos meses a ducias de alcaldes do HDP por presuntos delitos de terrorismo, substituíndoos por persoas afíns ao Partido de la Justicia y el Desarrollo (AKP) do presidente turco”, sinala o documento.

O Grupo Parlamentario lembra que as medidas represivas do goberno turco contra opositores políticos, activistas, xornalistas, avogados e minorías étnicas foron continuadas dende que Erdoğan é presidente do país, incrementándose a escalada de represión nos últimos meses. Foron moitas as denuncias por parte de institucións e organizacións internacionais en relación a secuestros, torturas e detencións ilegais en terceiros países, emitindo tamén o TEDH múltilpes dictames sobre a violación de dereitos humanos en Turquía.