Gómez-Reino pide solucións para a excesiva concentración de tráfico en Cambre

O deputado Antón Gómez-Reino, do Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia En Común, levou ao Congreso a problemática pola excesiva concentración de tráfico rodado no municipio de Cambre, A Coruña.

Esta problemática deriva do feito de que o primeiro tramo da AG-13, coñecida como “vía Ártabra”, posto en servizo pola Xunta en 2013, carece aínda de conexións apropiadas con outras vías de alta capacidade como a AP-9 ou a A-6.

Isto provoca grandes problemas circulatorios e unha maior inseguridade vial na área metropolitana de A Coruña, especialmente no municipio de Cambre.

Por este motivo, o deputado de Galicia en Común preguntou no Congreso se o Ministerio de Transportes prevé a implementación dalgunha medida para dar solución a este problema, especialmente á circulación de vehículos pesados polo centro urbano do municipio de Cambre ou se ten coñecemento dalgún avance por parte da Xunta neste senso.

Así mesmo, Gómez-Reino tamén preguntou se o Ministerio valora a supresión da peaxe de Macenda, no municipio de Betanzos, para promover o uso das vías de alta capacidade e reducir o impacto do tráfico nas vías secundarias e no nomeado centro urbano de Cambre.

Consulta aquí a iniciativa