Gómez Reino pide utilizar o antigo trazado ferroviario entre Pontevedra e Arcade para a creación dunha vía verde

  • O deputado galego sinalou que “a creación deste tramo peonil e ciclable, moi demandada polos colectivos veciñais, dinamizaría económica e turisticamente a zona”

Madrid, 18 de marzo de 2021.- Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso para que o Ministerio de Transportes desafecte o trazado ferroviario entre Pontevedra e Arcade co obxectivo de convertilo nunha vía verde.

O deputado galego, Antón Gómez Reino, sinalou que “a creación dunha vía verde entre ambos municipios repercutiría moi positivamente na dinamización económica da zona, impulsando un novo atractivo turístico”.

Na iniciativa presentada lémbrase que son varios os colectivos veciñais da zona de Pontevedra, acompañados da Deputación provincial, os que proxectan a creación dunha senda peonil e ciclable entre as localidades de Pontevedra, Pontesampaio e Arcade, que atravesaría os termos municipais de Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa.

“Trátase dun tramo de 15 km”, indicou o deputado, “que se sumaría ao comprendido entre Vilagarcía e Portas e tamén ao previsto entre Vigo e Chapela, unha vía verde que se asentaría en boa parte sobre as vellas vías do tren, que levan anos en desuso”. A vía verde sumaríase aos tramo xa aprobados, co que se completaría un trazado de 56 quilómetros de senda peonil e ciclable entre a cidade olívica e Vilagarcía de Arousa.