Gómez Reino pídelle á Xunta que reabra os centros de día cun protocolo que garanta a saúde das persoas usuarias

Galicia en Común-Anova Mareas entende que este servizo é un dereito que mellora a calidade de vida das persoas usuarias e tamén das súas familias

A Coruña, 1 de xuño de 2020.- Antón Gómez Reino e Eva Solla mantiveron esta tarde unha xuntanza telemática coa Plataforma de Centros de Día de Galicia que leva días denunciando a decisión da Xunta de Galicia de non abrir os centros de día ata o mes de setembro.

Galicia en Común-Anova Mareas pídelle á Xunta de Galicia e á Consellería de Política Social que reconsidere esta decisión que, segundo a Plataforma de Centros de Día de Galicia, repercute moi negativamente nos nosos maiores afectando a máis de 14.000 usuarios. A entidade asegura que eles mesmos propuxeron un protocolo moi estrito para a reapertura destes espazos para garantir que non haxa contaxios por coronavirus.

Nese sentido o voceiro da coalición indicou que «o que ten que facer o goberno galego é asumir as súas competencias en materia de política social e reabrir estes espazos aplicando un protocolo para garantir a saúde das persoas usuarias».

Na xuntanza trasladáronlle ao candidato e á cabeza de lista por Pontevedra que a falta de actividade, de terapias cognitivas, rehabilitación ou exercicio da memoria está a causar moitos problemas entre a poboación maior, sobrecargando ademais ás familias e repercutindo tamén nos tempos de conciliación. 

Dende a Plataforma entenden que este servizo é fundamental para a calidade de vida dos nosos maiores, que crea ademais miles de emprego sen Galicia e que ofrecen actividades como atención psicosocial ou determinadas terapias que non se poden substituír pola atención domiciliaria. Nese sentido Gómez Reino e Eva Solla lembran que noutras comunidades autónomas xa están listos os protocolos de apertura destes centros, como o caso de Euskadi, que abriron a semana pasada; a Comunitat Valenciana, que o fará nos vindeiros días ou Catalunya, que xa anunciou que o faría na Fase 3.