Gómez Reino pregunta ao Goberno a súa posición sobre as reclamacións millonarias que esixe Naturgy

Antón Gómez Reino: “Temos que pensar nos petos das familias, esa é a nosa prioridade, e non en aumentar os beneficios multimillonarios das eléctricas” 

O deputado remitiu unha carta ao Ministerio de Transición Ecolóxica instando ao Goberno a acelerar medidas xa aprobadas para abaratar o prezo da luz 

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia En Común rexistrou este mércores no Congreso dos Deputados unha iniciativa parlamentaria dirixida ao Ministerio de Transición Ecolóxica relativa ás cinco reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas por Naturgy. 

O documento, asinado polos deputados Antón Gómez Reino e Juan López de Uralde, pregunta ao Goberno sobre a súa posición acerca da compensación millonaria que esixe a eléctrica por unha menor produción de enerxía obtida entre 2017 e 2019 nunha decena de centrais hidroeléctricas en Galicia, que tiveron que liberar auga para respectar os caudais ecolóxicos determinados pola Administración. 

Así mesmo, os deputados tamén preguntaron acerca dos plans do Ministerio respecto das concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando. Sobre isto, Gómez Reino sostivo que “pode supoñer unha boa oportunidade para a creación dunha empresa pública que asuma a xestión destas presas en función do ben común e do interese xeral do conxunto da poboación, particularmente a máis vulnerable”. 

“Nun contexto tan preocupante para a enerxía no noso país co prezo da luz alcanzando máximos históricos, Naturgy inicia unha demanda que para nós carece de lexitimidade. A pandemia demostrou a necesidade de institucións públicas que respondan os intereses da maioría, por iso é fundamental, como defendemos todos estes anos, a creación dunha empresa pública de enerxía para terminar con este oligopolio eléctrico”, sinalou Gómez Reino. “Temos que pensar nos petos das familias, esa é a nosa prioridade, e non en aumentar os beneficios multimillonarios das eléctricas”. 

Gómez Reino remitiu este mércores unha carta á ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, para transmitirlle a súa preocupación sobre os elevados custos da luz e instou ao Goberno a acelerar algunhas medidas acordadas que repercutirán a medio prazo nunha redución da factura, como os beneficios caídos do ceo.