Gómez Reino pregunta ao Goberno pola discriminación do galego por parte das autoridades de Reino Unido para a admisión de viaxeiras

Gómez Reino: “É unha absoluta vulneración do dereito lingüístico das galegas, sorpréndenos que algúns países non acepten que existen linguas cooficiais e que non se teñan en consideración nunha proba covid para poder viaxar a outro país”

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou unha iniciativa parlamentaria este venres no Congreso dos Deputados a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino, relativa á discriminación lingüística por parte das autoridades de Reino Unido para a admisión de pasaxeiras con test de antíxenos en galego. 

Nos últimos días varias viaxeiras a Reino Unido fixeron público que o persoal de distintas aerolíneas rexeitaron o seu certificado de antíxenos por estar emitido en galego e non lles permitiron embarcar. 

“É unha absoluta vulneración do dereito lingüístico das galegas, sorpréndenos que algúns países non acepten que existen linguas cooficiais e que non se teñan en consideración nunha proba covid para poder viaxar a outro país”, alegou Gómez Reino.

O documento pregunta ao Ministerio de Exteriores se é coñecedor de que se negue o embarque ás persoas que presentan as probas en galego así como se ten previsto tomar algunha medida respecto diso. Esta situación tamén pode estar a pasar en Alemaña ou Italia, e por iso Gómez Reino pediu ao Goberno que especifique cales son os países que están a presentar este tipo de problemas. 

“Non é lóxico que haxa viaxeiras ás que non se lles permita o embarque por presentar un documento en galego, é a nosa lingua e temos dereito a facer uso dela”, explicou Gómez Reino. “Esperemos que isto non se siga repetindo e que o persoal das compañías aéreas acepten as probas covid en galego, xa que teñen a mesma validez que unha en castelán”.