Gómez Reino pregunta ao Goberno por unha posible espoliación do patrimonio arqueóloxico de Castro Valente pola instalación dun parque eólico

A formación insta a unha paralización eólica e a Transición Ecolóxica e Cultura a intervir

Xoves, 11 de novembro. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia en Común rexistrou dúas preguntas dirixidas ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao Ministerio de Cultura relativas ao proxecto de instalación do parque eólico Castro Valente. 

Os documentos, asinados polo deputado Antón Gómez Reino, denuncian as posibles afeccións sobre áreas de interese natural e piden ao Goberno que tome medidas para evitar a súa instalación. “O monte galego está sobrecargado de eólicos. Pedimos unha paralización de todos estes proxectos, xa superamos o obxectivo de produción renovable estipulado para o ano 2030. O único motivo polo que continúan é polo interese de Feijóo en apoiar ás grandes empresas indo en contra da propia normativa europea”. 

O parque eólico de Castro Valente está impulsado por Iberdrola e sitúase nos municipios de Padrón, Pontecesures, A Estrada e Valga, conformado por catro aeroxeradores de 145 metros de altura e unha potencia total de 18 megavatios. Un destes muíños situaríase nunha zona de interese comunitario, e á súa vez, na Zona Protexida de Augas Potables do Ulla, afectando tamén aos humidais e a unha zona especial para a cría do escribano palustre, unha ave protexida.

Ademais, e por iso a formación apelou ao Ministerio de Cultura, o proxecto eólico repercutirá negativamente no xacemento arqueolóxico de Castro Valente, un dos elementos fortificados máis grandes de Galicia, xa que situaría un muíño a 200 metros. O PP de Feijóo votou no Parlamento en contra de protexelo a través da figura BIC. “Que Feijóo vai facilitar todo o que poida a instalación de parques eólicos é algo que temos claro todas as galegas. Principalmente, porque protexer a nosa terra é a súa competencia e a incumpre constantemente. Os posibles danos deste proxecto eólico poden supoñer a espoliación dun ben patrimonial como é Castro Valente, non podemos quedarnos inmóbiles”, sostivo o deputado. 

Unidas Podemos instou a Cultura a intervir en seguimento do estipulado na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español, para garantir a conservación e protección do xacemento. “Hai que fomentar un modelo enerxético sostible para a natureza e xusto para as comunidades en lugar de esprimir o noso medioambiente para dar diñeiro aos amigos do Partido Popular”, alegou o deputado.

Podes ver aquí e aquí as nosas iniciativas.